A dirección da Mostra Internacional de Teatro homenaxeou á compañía Chévere, que onte tivo que pechar a súa sala estable en Compostela. As longas colas para conquerir entrada auguran unha semana de éxito para esta edición

Ribadavia, a sede mundial da escea

Montaxe inaugural da 27 edición da MIT, onte na Praza Maior de Ribadavia. O público amosouse encantado coa representación. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Acapital do Ribeiro tamén se converte, ata o vindeiro sábado, na capital do teatro autóctono e foráneo. A Mostra Internacional de Teatro (MIT) foi inaugurada onte polas autoridades, nun ambiente reivindicativo de meirandes axudas para o mundo da escea en Galicia. Uns recortes que tamén golpearon a unha das compañías emblemáticas do panorama teatral, Chévere, que precisamente recibía o Premio de Honra Abrente 2011 polos seus 25 anos de traxectoria.
Dese xeito, o pregón capitaneado polo actor Miguel de Lira e os seus tres compañeiros, serviu como despedida audiovisual da Sala Nasa, un recinto estable que abriron en 1992 e que onte mesmo tiveron que pechar. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, foi o encargado de entregarlles o galardón, pero antes xa tiña apuntado que 'o Goberno da Xunta reitera o seu apoio ó teatro galego e á Mostra ribadaviense', ademais de cifrar en tres millóns de euros a aportación ás produccións teatrais galegas.


IMPLICACIÓN

Tanto o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, coma o director da MIT, Roberto Pascual, coincidiron en sinalar que o festival 'é un sono feito realidade', a pesar de la crisis económica, e a directora do Instituto da Muller, Laura Seara, lembraba a implicación da súa institución no recoñecemento do papel das actrices. Mentres, na Praza Maior da vila, longas colas de potenciais espectadores esperaban a última hora da tarde chegar á tempo para conquerir unha entrada para a primeira función, prevista no Auditorio do Castelo. Tratábase de 'Muuu', unha montaxe da compañía madrileña Yllana, que se fixo acredora do Premio do Público na anterior edición da MIT. Ó mesmo tempo, polas rúas e prazas de Ribadavia, os extremeños de Guirigai e Festival de Mérida circulaban co seu espectáculo 'Satiricón'.


HOXE

Na xornada de hoxe, a mesma Praza Maior acollerá, ás 11.00 horas, a inauguración da exposición encol de 'Teatro-Danza', na que colabora o Instituto Goethe. A partir das 21.00 horas, a compañía arxentina de Adrián Schvarztein protagonizará 'El hombre verde' dentro das actuacións incluidas na sección Ruadavia, nos espazos abertos do casco urbán. O Auditorio do Castelo servirá de escenario nocturno para a última representación do sábado. 'Petra, la mujer araña y el putón de la abeja Maya' será interpretada por Sol Picó, de Cataluña, dende as 23.00 horas.

Te puede interesar