VERANO

Roberto Pascual: "O teatro é froito de moito traballo, non se improvisa"

Dibujo
photo_camera Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro.

A Mostra Internacional de Teatro (MIT), que se desenvolve en Ribadavia ata o 24 de xullo, acada neste ano a súa 33ª edición, a novena que cumpre Roberto Pascual á fronte da organización.

Este carballiñés nado en 1981 é tamén profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Cál está a ser a resposta do público nestes primeiros catro días de andaina da Mostra?

Foi unha fin de semana con moitísimo público, tanto nas funcións ó aire libre coma nas do Castelo. Está a haber moita expectación, sobre todo en aqueles espectáculos que só se poden ver en exclusiva na Mostra, e que polo tanto son os de maior afluencia.

Hai un público que amosa a súa fidelidade?

Sí o hai. É unha serie de xente, unhas 60 ou 70 persoas, que merca tódolos anos o seu abono e á que lle poderiamos asignar no auditorio do Castelo unha butaca fixa co seu nome, como se fai nalgúns recintos teatrais ou musicais de prestixio noutros países. Tamén temos aquel público que acude á Mostra seguindo os seus propios gustos, coma o circo, a danza ou coma no caso de hoxe á noite (por onte) a temática política. E a xente xa se acostuma a informarse ó traverso do programa oficial, que é unha ferramenta moi útil ó conter non só as fichas técnicas das obras que se representan, senón tamén a traxectoria das compañías e as críticas recibidas. Por elo, a nosa tarefa é conquistar novos espectadores seguindo este sistema.

Resulta difícil entón deseñar uns contidos de calidade?

É difícil, tendo en conta que en Galicia non temos un festival destas características, e no noso caso, Ribadavia convértese nunha cita de verán ó nivel de calquera festival de teatro europeo, e penso que temos dereito a poder compararnos cos festivais de Almagro, en España, ou de Stratford, no Reino Unido.

Que espectáculos destacaría nesta edición?

Destacaría o proxecto de Teatro de la Ciudad y Teatro de la Abadía, que nos traen de Madrid "Sueño" y "La ternura", e que demostra que o teatro non é froito da improvisación ou de xeración espontánea, senón de moito traballo e compromiso, perseguindo sempre o rigor e a excelencia. Pero o que xa é un auténtico luxo para a Mostra é a presenza do lituano Eimuntas Nekrošius, coa súa obra "A hunger artist" (Un artista famento), que se representará o vindeiro sábado. Elo supón ter aquí un mestre do teatro mundial e da escena contemporánea.

Cál é o nivel de apoio institucional ó festival?

É estable durante os últimos anos, eu diría que está conxelado. Gustaríame que se desconxelase e que fora un apoio progresivo, non tanto cuantitativamente pero si de crecemento para poder facer novos proxectos no festival. Sobre todo, tendo en conta que a Mostra supón para a Xunta unha plataforma internacional que pode aproveitar para establecer relacións. Nós temos cuestións pendentes no festival, coma é o caso da páxina web, que queremos mellorar cara ó futuro, pero iso custa cartos. 

Te puede interesar