San Bieito, o patrón das verrugas

<p></p>
photo_camera Ilustración do "Tangaraño" da capela da Cova do Lobo.

Ao "Tangaraño" acudían todas aquelas nais dos nenos de curto crecimento, considerados como raquíticos. Chegados ao pé do penedo, facían o consabido rito pagán de pasar o neno por baixo del. 

Bieito de Nursia foi un presbítero e relixioso cristián considerado como o iniciador da vida monástica en Occidente. Educado na lingua de Lacio, en Nursia, actual Norcia, viu as súas primeiras luces no ano 480 neste pequeno concello italiano, pertencente á provincia de Perugia. Os seus pais foron Eutropio Anicio e Claudia Abondantia Requardati, finando aos sesenta e sete anos de idade, tras unha activa vida relixiosa desenrolada fundamentalmente na abadía de Montecasino, abadía popularmente coñecida pola actividade bélica desenrolada no seu solar durante o decurso da II Guerra Mundial.

Considerado como o patrón de Europa e o patriarca do monacato en occidente, a súa fama de santidade permitiulle acadar a categoría de “Home de Deus”, sendo declarado santo polo Papa Honorio III, no ano 1220, rendéndolle culto a partir desta data tanto por parte da igrexa católica como pola ortodoxa e luterana.

Moi popular en Galicia, a súa iconografía atopase presente en moitos retablos e cadeiras corais tanto de igrexas como en mosteiros espallados ao largo e longo de toda a nosa comunidade.

O próximo día 11, martes do presente mes, no día grande do santo, celebranse en moitas localidades grandes romarías na súa honra: Allariz, Bentraces, Sandiás, Laias, Moldes e Cova de Lobo. Nesta última bonita capela, ergueita nos cumios dos outeiros, preto do pobo de Cabeza de Vaca e Parada, puntualmente cada ano nestas datas, acode dende as primeiras horas do amencer unha fiel multitude de romeiros na súplica do santo como remedio e curación de diversas doenzas da pel: verrugas, furunchos; bocio, tumores e, de xeito especial, as verrugas, ademais de ser excelente remedio contra todas aquelas enfermidades relacionadas ca perdida de saúde de diversos animais domésticos: vacas, cabalos, porcos ou cans.

Preto do fermoso santuario e actualmente de imposible o acceso como consecuencia da mesta vexetación do seu entorno, atópase o coñecido e alto penedo denominado “Tangaraño”; estraña formación rochosa constituída por un grupo de grosas pedras asentadas en forma de cova ou gruta, aberta por ambos lados. No centro do oco existe unha pequena poza orixinada por unha pingueira de auga provinte do teito da pena. Dito penedo parece posuír certo poder telúrico emanado do corazón da terra que o relaciona co antigo culto ás pedras maila auga, elementos moi utilizado polos nosos devanceiros os celtas.

Ás pedras en Galicia, na época dos celtas, rendíase culto por posuír forzas de carácter menciñán; por mor desta circunstancia, aínda non fai moitos anos, ao Tangaraño acudían todas aquelas nais dos nenos de corto crecemento, considerados como raquíticos. Chegados ao pé do penedo facían o consabido rito pagán; isto é, pasar o meniño por baixo da pena dun extremo a outro mediante o concurso de varias mulleres chamadas Marías; así namentres a primeira introducía o neno no oco ao mesmo tempo dicía a seguinte frase: “María, ei che vai o engaraño, entrégocho doente, devólvemo san”, meniño que recollía a segunda, contestándolle á primeira: “bota pra ca, eu o recibo doente e devólvocho san”, namentres o resto no exterior entoaba a coro: “Ten conta santiño do meu engaraño, doente cho deixo, devólvemo san”.

Despois da cerimonia, as roupas que vestía o neno quedaban na cova atadas con dúas ramas suxeitas mediante un nó. De seguido vestíase ó neno cunha nova roupa levándoo de seguido á capela do santo para implorar a súa intercesión.

Esta práctica recóllea o noso gran poeta celanovés Curros Enríquez no poema que leva por título “O Tangaraño”. Nel denuncia a executoria deste singular rito condenando a quen explota a dor da enfermidade allea en beneficio propio; namentres o mestre Nespereira, que estudou o fenómeno dende o punto de vista científico e xeolóxico, asegura ca curación pode chegar a ser real ao tratarse dun fenómeno científico como consecuencia da liberación de determinadas enerxías provenientes do interior da terra, perfectamente absorbidas polas ternas carnes do meniño sometido á cerimonia do rito.

Certo ou falso? Quén o sabe? O penedo do Tangaraño segue no mesmo lugar ollando cara o fermoso val de Ourense.

Todo aquilo pasou como pasa de xeito invariable a nosa vida. Hoxe os romeiros acoden á misa, mercan os exvotos de cera representando membros do corpo: cabezas, peitos, brazos e pernas, que sosteñen con fervor durante a misa. Entregan esmolas e, como remate da cerimonia relixiosa, pasan fervorosamente un pano pola faciana do santiño eremita bicándoo. Por último, como en todas as romarías tradicionais galegas, lévase a cabo o xantan baseado na degustación do produto estrela da nosa gastronomía, o polbo, mesturado con carne ao caldeiro, todo regado cuns grolos de viño da terra sen faltar como remate a degustación dos famosos melindres de Allariz ou as ricas rosquillas da vila de Ribadavia.

Te puede interesar