FESTA DA VENDIMIA

A vendima protagoniza mañá a xornada máis festiva de Leiro

<p></p>
photo_camera Unha das carrozas paricipantes no concurso do pasado ano na Festa da Vendima de Leiro.

Esta XXVII edición conta con concursos de carrozas e acios, fútbol e música na súa programación

Leiro celebra mañá a vixésimo sétima edición da súa Festa da Vendima, unha celebración que tomará as rúas e prazas máis céntricas da localidade, O Salgueiral e as beiras do río Avia, como escenarios principais. Dende as 10:00 horas, comezará a recepción de acios que participan no tradicional concurso que terá tres premios económicos de 90, 60 e 30 para os gañadores.

A continuación, a Casa do Concello recibirá ás autoridades e personalidades invitadas, antes de desprazarse á praza do Cruceiro para escoitar o pregón, que este ano corre a cargo de Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Rural.

A partires das 12:30 horas, comezará o desfile das carrozas participantes no concurso, con premios que oscilan entre os 1.000 e os 200 euros, tanto para a categoría de adultos coma a infantil. Cada comparsa recibiu unha axuda económica de 400 e 50 euros pola súa participación, respectivamente, e o xurado primará ás carrozas máis orixinais e mellor montadas, á vez que a posta en escena dos veciños que as presentan.

As charangas Achicoria, Xente Moza e Castro Bello amenizarán cos seus ritmos o percorrido pola rúa Gabino Bugallal ata o campo da feira, xunto co grupo de gaitas de Leiro.

Unha vez rematado o desfile, haberá unha visita ó Mercado Artesanal, que xa cumpre 14 anos situado na beira do río Avia. Esta actividade estará seguida na programación deste ano co xantar de confraternidade no Salgueiral, onde se fará a entrega dos premios ós gañadores dos concursos de comparsas. Pola tarde terá lugar o partido entre os clubes Leiro e Ribeiro e o concerto das Corais da Vendima, na igrexa parroquial.

A xornada rematará esta vixésimo sétima edición cunha gran verbena, que contará coas actuacións do grupo Pisanlove e a orquestra D'Momento.

Te puede interesar