MONTERREI

A XI edición da Feira do Viño, a máis concorrida


viño
photo_camera Centos de persoas abarrotaron o recinto feiral para saborear os caldos desta edición da feira, con 16 stands.

Tralas xornadas do venres e máis a de onte, a comarca de Monterrei conclúe hoxe a programación da Feira do Viño deste 2016. Música, gastronomía e diversas actividades completan esta undécima edición.

E veña viño! A comarca de Monterrei segue celebrando a XI edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei.

Durante o día de onte, e tanto ao mediodía como pola tarde e noite, na Alameda de Verín, veciños e visitantes continuaron degustando os viños das distintas bodegas da comarca nos 16 stands que as diferentes marcas teñen colocados no lugar.

As actividades programadas comezaron xa pola mañá co "V Paseo Solidario de Bicis Clásicas". Nesta ocasión, en colaboración coa Cruz Vermella, recadáronse para bebés co obxectivo de os destinar aos colectivos máis vulnerables.

Ás 12 horas, no Museo do Viño de Vilaza, organizouse unha cata comentada restrinxida a 30 persoas a cargo de Fernando Castro, un dos membros do panel de cata da D.O. Monterrei.

A gastronomía tamén ten cabida neste evento. Os asistentes puideron desfrutar dunha polbeira situada a carón das casetas das bodegas, así como de outros manxares para acompañar a degustación dos líquidos de Baco.

E que sería dunha feira coma esta sen música? Xa pola noite, e trala festa e verbena a cargo da orquestra Samba, tivo lugar, na Praza García Barbón, un multitudinario concerto da cantante Soraya Arnelas, exconcursante de Operación Triunfo, tamén coñecida por ter representado a España en Eurovisión no ano 2009.

Tras 24 horas xa de celebración e exaltación dos brancos e tintos de Monterrei, dende a Denominación de Orixe afirman que se trata "dunha das edicións da feira máis multitudinarias que se lembran".

E é que a que "xa hai tempo que deixou de ser a cincenta das denominacións de orixe en Galicia", como afirmaba onte a presidenta do Consello Regulador, Asunción Rodríguez, está a congregar a máis xente cada edición.

Ao longo deste primeiro día tamén se deixaron caer polo recinto feiral algúns dos alcaldes da comarca, desfrutando do evento coas súas familias

Pero aínda queda viño e máis viño. Durante a xornada de hoxe, volverán estar abertos os stands e os presentes poderán desfrutar da boa música do grupo de música tradicional galega A Roda, precedido pola actuación da agrupación Candaira e do espectáculo da orquestra Midas. Ademais, ao longo de toda a Feira do Viño, estase a desenvolver a iniciativa "Desafío Mototurismo da Feira do Viño de Monterrei", promovida pola Ruta Mototurista Norte en colaboración coa D.O. e co consistorio verinense, que incluirá visitas dos participantes a diversas bodegas da comarca.

Pero a cousa non remata aquí, xa que pasado, día luns, a festa continúa na honra da Patroa de Verín, Santa María "A Maior". Trala tradicional procesión e misa solemne, chegarán ao municipio as Xornadas de Folclore, na súa XXXIII edición. O peche de festa definitivo será a cargo do DJ galego Pablo Hervella.

Aínda queda moito por comer e moito viño por catar en Verín esta fin de semana na capital do val do Támega. Así que como dixo o pregoeiro deste ano, o director de RNE e TVE en Galicia, Rafael Cid, saúde e viño! n
 

Te puede interesar