Vida

Antía González e Raquel Vázquez: Unha viaxe polo Entroido galego con saída de Xinzo

Antía e Raquel son as xestoras do Museo Galego do Entroido ubicado en Xinzo de Limia

Antía González e Raquel Vázquez son as xestoras do Museo Galego do Entroido ubicado en Xinzo dende o pasado mes de novembro. A súa proposta cultural e de dinamización pasa dende facer un vídeo en lingua de signos, a actividades coa cativada, incorporar novos traxes tradicionais e crear un arquivo auditivo coa experiencia das persoas máis maiores sobre os seus entroidos. Pero agora toca vivir o Entroido de cheo, mergúllandose na súa tradición máis ancestral.

Son as actuais xestoras do Museo Galego do Entroido, como chegaron a elo?

Raquel: Destas casualidades da vida… soubemos que saía a licitación pública e falámolo. As dúas cremos que ten un gran potencial, ademais nun lugar no que o seu Entroido é de Interese Turístico Internacional, e lanzámonos a presentar un proxecto. E dende o 15 de novembro, aquí estamos. 
Antía: Ademais de que o Entroido está moi arraigado en nós. E é unha boa maneira de estar sempre ligadas a el.

Entendo que tamén son boas amigas para concordar na proposta.

A: A verdade é que nos coñecemos en Ourense facendo infantil e os primeiros anos de primaria. Logo Raquel, con 9 anos mudouse a Xinzo e perdemos o contacto. Pero un mestrado en Ourense volveunos unir. Aínda que ela non se acordaba de min… 
R.: A verdade é que eu nunca me lembro de ninguén (risas).

Cal foi a proposta cultural que fixeron e que logrou que vos concedesen a súa xestión?

R.: A curto prazo queremos sumar os traxes dos Follateiros de Lobios e, se é posible, o dos Farrumecos de Sobradelo, Xunqueira de Ambía. 
A.: A nivel de actividades estamos facendo un vídeo adaptado á lingua de signos para que as persoas xordas que se acheguen poidan descubrilo. As visitas guiadas ao museo son orais e pensamos que era importante poder chegar a toda a comunidade sen limitacións. Este vídeo é un pequeno paso de todo o traballo que queda por diante.

Penso que tamén teñen interese en crear un arquivo auditivo do Entroido.

R.: Si. Parécenos que pode ser unha proposta moi interesante. A.: A nosa idea é poder crear unha serie de podcasts de diferentes entroidos aos que poidamos chegar, e que nos queiran recibir, no que xente de certa idade ou con información sobre a tradición do Entroido nos conte as súas vivencias, en que consiste o seu ciclo ou as características do seu traxe. Unha forma de que non caia no esquecemento e sexa contado en primeira persoa. 
R.: É unha forma de que calquera persoa que non sexa dunha zona na que o Entroido está tan arraigado, sexa capaz de comprender o que significa. Ese sentimento e orgullo que temos os que gozamos desta tradición.

Para a cativada teñen pensado algo especial? Eles son o Entroido do futuro.

R.: Gustaríanos facer actividades para eles, para que o museo non sexa tan estático. 
A.: Xa en xaneiro montamos un contacontos para eles. E temos pensado máis ao longo do ano para que sexa un lugar interxeracional.

E agora mesmo, que se atopan os visitantes?

R.: Así, a modo de visita guiada… na recepción hai un gran mapa do Entroido con todas as figuras máis representativas. 
A.: Bueno, todas non. Hai que actualizalo porque se foron recuperando traxes tradicionais nos últimos anos que teñen que ser incluídos. 
R.: Certo. Pero seguindo co percorrido, temos unha explicación da posible orixe do entroido que nos conduce a varios corredores. Segue ti coa visita Antía (risas). 
A.: Nestes corredores un deles cóntanos o ciclo do Entroido, elementos característicos, singularidades… Outro está dedicado ao son. Non podemos pensar no Entroido sen o sondas chocas, das esquilas, dos folións… E tampouco se pode pensar nestas datas sen a gastronomía. E isto aparece recollido noutro recuncho onde a cachucha, o cocido, as orellas… son algúns dos pratos imprescindibles. Finalmente contamos con máis de 20 traxes de diferentes entroidos tradicionais.

Supoño que agora mesmo están a tope de visitas.

R.: Unha tolemia! Tanto colexios, como centros de día, coma asociacións ou concellos agardan a estas datas para visitarnos e é complicado chegar a todo. 
A.: Algunha terá que quedar para despois…

Iso é un síntoma de boa saúde do Museo. 

R.: Hai moito interese, tanto da xente máis moza como dos máis maiores. Estes últimos creo que viven a situación actual do Entroido con orgullo porque eles viviron épocas de represión e agora está póndose en valor. Houbo tempos que algúns deles non puideron vestirse ou tiñan que andar escapados, e agora ver como a xente pode participar libremente... Ten que enchelos de ledicia. 
A.: No que atinxe á xente máis moza, a gran maioría vive nas cidades e iso crea un pequeno proceso de desconexións coa veciñanza do rural. Moitas máscaras viven ou teñen como eixo a interacción coa xente e ese descoñecemento mutuo dificulta a tradición e a fermosura do momento.

Tamén sei que teñen en marcha un concurso de fotografía.

R.: É un concurso no que entran tódolos entroidos de Galicia e que busca transcender o espazo físico do museo e colarse a través das nosas redes sociais nos fogares de todos. 
A.: É unha forma de achegar esta celebración tan espallada no noso territorio a todo o mundo. Os días son os que son e non se pode estar en todo.

Cada vez hai máis interese por recuperar máscaras perdidas. A que creen que se debe?

R.: Non é unha pregunta nada fácil. Eu creo que os entroidos xa afianzados, aínda que pasasen momentos máis febles, grazas á labor das asociacións e da dedicación de moitas horas de vida persoal, foron indo cara arriba. E tamén serviron como base para que outros entroidos máis pequenos se deran conta que tiñan unha tradición e unha máscara tradicional. E tamén axudaron, a que xente máis maior, como comentaba antes, se animase a falar do que se facía nestas datas entorno a Don Carnal. 
A.: Escoitando a Raquel pensaba que no Entroido, como en tantas cousas, viñamos dunha emigración constante cara as cidades ou o estranxeiro. E iso fixo que tamén se perdesen moitas tradicións. Porque o Entroido tamén é comunidade. E sen comunidade pérdense as tradicións. Por desgracia o rural segue baleirándose, pero si hai movemento nesta época e tamén cada vez máis nas fins de semana o unas vacacións. Se cadra buscando esa identidade propia. E as máscaras tradicionais tamén forman parte dela.

Cada vez tamén hai máis interese por descubrir novos entroidos…

R.: Eu entendo que igual cando es máis mozo ou moza pensas máis na troula. Con algo de música e un disfrace, tiras. Pero co tempo buscas algo máis espiritual, máis ritual. E se non te moves, non podes saber da diversidade dos entroidos. Con todo, non toda a xente moza é igual, hai moita que vive con moito orgullo o traxe que viste na súa aldea. 
A.: Totalmente de acordo. Temos unha grande riqueza… o que falta é tempo para descubrila! Todo coincide no tempo!

Que é o mellor do Entroido?

R.: Que consegue dar vida ao rural. Ver como se enchen as aldeas. É moi complexo separar a tradición dun mero escaparate turístico, que é o perigo que corren algúns entroidos, pero é fermoso ver que a xente volve á súa orixe e lugar de procedencia. 
A.: Penso nunha crianza de dez anos que vive na cidade e volve á aldea polo entroido. Nun primeiro momento igual non entende o por que de moitas cousas pero se segue participando nese entroido por outros dez, vinte anos, creará comunidade con esa xente e interiorizará todas esas tradicións. Esa crianza, será nun futuro, outro elemento de transmisión da cultura á seguinte xeración.

Para vostedes, persoalmente, que é o Entroido?

R.: Para min o Entroido significa familia. Sendo Felo, todo o ritual de vestirse, de estar na casa, de axudarnos a uns a outros é algo moi íntimo. 
A.: Para min é unha tempada de caos… Unha época de transformación. Ao mellor a persoa que es durante todo o ano non es a que realmente é…

E como o van vivir?

R.: Teño que repartirme! Ademais de ser de terra de Entroido, agora síntome na obriga, unha obriga que me gusta aínda que coa morriña de deixar o meu, de coñecer outros lugares con traxes tradicionais. 
A.: Xa o estamos vivindo a tope! E coincido con Raquel, con gañas de coñecer e respectar os entroidos que temos en Galicia.

Un consello para desfrutalo.

R.: Mergullarse a tope e deixarse levar. Que participen e sexan capaces de percibir tódolos detalles de cada Entroido. 
A.: Saír da zona de confort, moverse, non levar ideas preconcibidas… e a gozar!

Te puede interesar