La entrevista del Vida

Antonio Luz, música e emocións

El músico Antonio Luz.
photo_camera El músico Antonio Luz.

Co tema "Ángeles sin alas", composta durante o confinamento, amosa todo o seu apoio á xente que se atopa en primeira liña na loita contra o COVID-19

Antonio Luz -Antonio polo seu avó materno e Luz pola súa avóa paterna- é un mozo sinxelo que polo brillo dos seus ollos cando fala da música vese que esa é a súa verdadeira paixón.  E esa emoción que corre polas súas veas transmitea aos seus temas, temas que falan de amor, de alegría, de soños, pero tamén da chegada de tempos mellores, unha mensaxe de esperanza que, nesta época, fai falta máis ca nunca.

Co tema "Ángeles sin alas", composta durante o confinamento, amosa todo o seu apoio á xente que se atopa en primeira liña na loita contra o COVID-19, lanza un berro de que "todo volverá a normalidade", e aporta o seu gran solidario, xa que o obtido coa súa descarga nas plataformas e as visualizacións do vídeo irá destinado íntegramente a Cáritas.

Din que os sons que te levan polo camiño da música se sinten dende nenos, é ese o seu caso?

Persoalmente, diría que si. Dende cativo me gustou a música. Comecei coa gaita, que me levou, de xeito autodidacta a descubrir o piano e, máis tarde, a guitarra. Curiosamente é este o instrumento co que máis cómodo me sinto e co que as notas flúen máis fácilmente á hora de compoñer.

Ten unha predileción especial polo f lamenco, a que se debe?

É a vena familiar. Todos somos afeccionados ao flamenco, xa sexa cantando ou tocando. Podo lembrar perfectamente calquera comida na que nos xuntábamos, e que se acababa convertendo nunha festa. Así é como, aínda que eu me criei en Galicia con moita música tradicional galega, que me apaixoa, o pouso do mundo flamenco non o podo obviar e Paco de Lucía é para mín un mito.

Con todo, é vostede garda civil.

Nun momento da miña vida descubrín a importante labor que fai a Garda Civil, e non puiden menos que sentir admiración polo que fan. Así foi como me preparei e aprobei as oposicións. Dende aquela resido en Madrid, aínda que sempre con Galicia no corazón e escapando a miña terra cada vez que teño oportunidade.

Sen deixar nunca de lado a música.

Aínda sendo garda civil, a miña paixón pola música é moi grande e nunca deixei de lado o ámbito musical. Nestes anos fun facendo moitas actuacións en diferentes espacios e teño que recoñecer que vivir en Madrid serviume para estar en contacto con xente do sector que me axudou, de algún modo, a sacar o single do Entroido o pasado ano e, que o meu primeiro disco tome forma.

Fálenos dese disco.

Son dez temas baixo o título de “28 besos”, un nome co que buscaba recordar e rendir un humilde tributo ao meu pai, que fai 28 anos que non está. Tamén era músico e, en parte, a persoa que me que levou a descubrir e sentir paixón polo mundo da música. Son cancións de ritmo claramente pop, pero con influencias urbanas.

Un disco do que xa está sacando “singles”, como o de “Pícara".

Efectivamente. “Pícara” foi o primeiro deles e que xa se pode escoitar das plataformas musicais. Agora, debido a estas circunstancias excepcionais, tiven que mudar o plan inicial e o seguinte single será unha canción de temática máis social, menos “comercial”, de acordo co momento especial que nos toca vivir. Penso que é o que necesita o público, mensaxes de ánimo e de que “todo esto pasará”. A idea é sacar o disco á rúa en xullo. 

No senso de cancións sociais, acaba de sacar o tema “Ángeles sin alas”, con fin solidario.

É un tema ao que me costou poñerlle nome, por eso leva tamén o subtítulo “Volver a la vida”, transmitindo así unha doble mensaxe. Unha para a xente que está dando a cara, en primeira liña, loitando para axudarnos a todos a saír desta; a segunda, destinada todo aquel que a escoite, un berro de que volveremos “á vida”, a normalidade, que “nunca choveu que non escampara”. Fíxena “artesanalmente” na casa, durante este confinamento, cun vídeo con imaxes enviadas polos seguidores das miñas redes sociais nas que reflexaban o seu día a día ante a pandemia.

No que atinxe ao fin solidario, estou en contacto con Cáritas e todo o que recaude a través da descarga nas plataformas dixitais e as visualizacións do vídeo será integramente destinado a esa institución benéfica.

E pensar que fai pouco máis de mes e medio estábamos de Entroido... data pola que, por certo tamén nos sorprendia cun tema festeiro nun marco moi distinto.

Parece mentira o rápido que poden cambiar as cousas e o que hai unhos meses todo era festa, ledicia, encontros con amigos... agora mudou radicalmente. En Entroido, xa no 2019, saquei o tema "Entroido" que soou moito na provincia xa que a letra fai un percorrido por moitas das figuras e traxes tradicionais de Ourense. Foi o meu regreso "oficial" ao mundo da música.

É complicado abrirse oco no mundo da música?

Moito. Case podería decir que é imposible, pero eu son positivo e sigo apostando pola miña paixón. Agora coas redes, é un pouco máis fácil, pero así é todo non é como parecen vistas dende fora. Fai falta moita inversión para poder chegar a maior cantidade dea xente e ter unha visibilidade notable.

Cales serán os seus seguintes pasos?

Seguirei sacando algún single máis ata publicar o disco e novos proxectos que falan en galego para os vindeiros meses. Neste confinamento en Madrid, a morriña fíxose máis intensa, de aí que decidise regresar a miña orixe, ao rural, ao galego, aínda que o que esté triunfando agora mesmo sexa o son urbán. Unha aposta polo noso, para que nos teñan máis en conta

Entre nós, que será o primeiro que faga cando volva, na medida do posible, a normalidade?

Dígocho en voz baixa… quedar cos amigos, no bar de sempre de Xinzo e tomar unhas cañas borrando esta etapa que, con todo, espero que nos sirva a todos como aprendizaxe de moitos valores.



Coa venia

1. Un cantante.

Dous. Silvia Pérez Cruz e Manolo García.

2. Un tema.

“Pájaros de barro”, de Manolo García.

3. Un estilo musical.

O flamenco.

4. Un disco que soe na súa casa.

Máis ben soan cancións soltas, de moitos estilos. Todo depende do día e o momento.

5. Un lugar onde lle gustaría actuar.

En Santiago, na praza do Obradoiro. Sería increíble.

6. Algo que o inspire.

Os cascos históricos das ciudades.

7. Que é o primeiro que pensa ao erguerse?

Que ven outro día máis.

8. Un recordo da súa infancia.

O rural na rúa.

9. Cando se mira ao espello que ve...

Un adolescente.

10. Un lugar para perderse.

Calquera espacio de Suiza, lugar onde vivín de cativo.

11. Unha viaxe pendente.

Cuba. Meu avó era de alí.

12. Un vicio confesable.

O chocolate.

13. Perde a calma con...

As inxustizas.

14. Recobra a calma perdida...

- Co meu fillo, Fredi Luz, e a guitarra.

15. Un soño.

- Curar coa música.

Te puede interesar