José Luis García Pando, a vida entre vides

undefined
photo_camera José Luis García Pando

Di José Luis García Pando, que na súa primeira vendima rondaría os catro ou cinco anos de idade. Daquela, máis que a vendimar, os cativos ían xogar entre as vides, pisar as uvas e empaparse dunha cultura que na comarca de Valdeorras é practicamente inherente á vida de cada veciño. Pasados os anos, ese oficio que na súa infancia era un xogo converteuse no eixo da súa vida.

Nome: José Luis García Pando

Lugar de nacemento: Rubiá, 1961

Cargo: Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras

Hoxe, como presidente do consello regulador da denominación de orixe Valdeorras, García Pando aspira a que os colleiteiros da súa zona poidan vivir desta tradición que nesta comarca acada o apelativo de milenaria.

Despois dunha vendima exitosa que un ano máis amparou a calidade dos viños de Valdeorras, o presidente do consello fai balance sobre un producto que hoxe está presente en tódolos rincóns do mundo e que goza dunha excelente saúde.

En que situación se atopan hoxe os viños de Valdeorras?

Pois eu creo que nunha situación interesante porque estamos crecendo tanto no mercado nacional coma na exportación, nunha situación de recoñecemento que ven dado pola calidade que renovamos en cada colleita. 

Están cada vez máis presentes no mundo.

Si, practicamente podemos dicir que estamos. Ademais, polos datos que temos no último ano da exportación onde se reflicten todos os litros exportados e a cada país que se exportou, podemos dicir que practicamente estamos en todas as partes do mundo.

E que tal se está recuperando a situación da pandemia, despois dun tempo complicado para o sector.

Bueno, foi un revés duro durante cuatro ou cinco meses, que foi o que notamos aquí en Valdeorras. Pero despois, a recuperación a verdade é que foi moi boa e empezouse a vender viño. Cos datos que temos da pandemia, foi unha recuperación moi rápida do mercado e en dous ou tres meses non se notou unha baixada de ventas. Mantívose a taxa de crecemento doutros anos. Máis no branco que no tinto, pero o tinto ó final tamén se recuperou. 

E que tal se presentou a última campaña da vendima?

Foi unha vendima en varias fases por culpa do tempo. A verdade é que o primeiro veu moi ben durante os primeiros dez días, as uvas estaban perfectas. Despois deu en chover e houbo que esperar e buscar o momento oportuno para poder seguir, fixo bastante mal tempo. Pero bueno, en canto á produción foi unha vendima xenerosa, unha boa cantidade de uvas e a calidade tamén. O segredo está en saber esperar e recollelas no momento oportuno.

Como en todo, parece que no viño tamén hai tendencias, houbo épocas de máis godello, outras de máis mencía. Por que pasan estas cousas?

Ás veces o mercado vai poñendo cada cousa no seu sitio e tamén os diferentes vaivéns cando se satura xa dun produto recorre a outro. Son cousas ás veces moi difíciles de entender incluso dende dentro do mundo do viño. Son tendencias e hai que amarrarse á ola da tendencia, pero sen esquecerse que ó final ter un bo produto e comercializalo ben é o importante, non todo son modas. O importante é ter un mercado máis ou menos estable, que responda e que sexa capaz de absorber toda a oferta que existe no mercado.

2019060323145177359_resultado

E cal é a súa historia particular co mundo do viño?

Éche moi larga. Se és de Valdeorras e naciches aquí, pois naciches no mundo do viño porque por un lado ou por outro tes familiares que teñen viñas, xa sexa directamente polos teus pais ou avós e ó final tes unha relación co viño. A primeira vez que fun vendimar ó mellor tiña catro ou cino anos, a xogar máis que a vendimar. Meu avó facía viño e vendíallo case sempre a xente de Lugo que viña por el pola época do Nadal, porque antes vendíase o viño moito antes que agora. Iamos á vendima, pisabamos as uvas, montabamos no carro das vacas e había que baixar o mosto, metelo na cuba e todo o demais. Entón a miña relación co viño é practicamente dende nacemento. 

Vai dentro de cada veciño da comarca.

Si, polo xeral si. Case todos temos algo, sexa máis ou menos pero todos coñecemos como se fai o viño e como son as viñas e as variedades que hai no territorio.

Diría que ser viticultor é máis ca un oficio?

Ten unha parte cultural que é importante pero, ó final, é un negocio. Hai que producir e hai que producir ben e hai que vender para que todo o bonito que ten o viño de cultura se manteña. Se o negocio non funciona todo vai ó garete. 

De pouco vale ser románticos.

Si, exactamente. A cultura serve tamén para vender e para culturizarnos, pero ó final hai que vender e as empresas teñen que dar beneficios e os viticultores teñen tamén co seu traballo dar beneficios para poder dedicarse a isto. 

E como presidente do Consello Regulador cal sería o principal reto que lle gustaría sacar adiante?

Hai tantas cousas, ábrese un abano de posibilidades. O reto é o de sempre, axudar ás bodegas a que vendan toda a súa produción, todo o viño que elaboran. O reto importante é que vendan ben as bodegas e a bo prezo e que os viticultores ca venda e produción de uvas tamén lles quede un marxe de salario digno para poder seguir dedicándose a isto. E que iso implique que cada vez sexamos máis e produzamos máis e mellor e seguir crecendo. O reto máis importante é seguir crecendo como conxunto dun territorio onde se elabora e producen uvas e viño.

1. Un viño: 
Un de Valdeorras nas súas distintas variedades e tipoloxías.
2. Un motivo para brindar:
Hai que brindar tódolos días, por estar vivo e para ter un rato de alegría. Sen motivo especial, hai que facer un oco tódolos días para brindar.
3. Un recordo da infancia:
Pisar as uvas no cesto, carrar o recipiente que se puña no carro das vacas e pasar unha señora, verme moi canso e darme leite recén munguido, esa era a maior marabilla que me puideron dar nese momento. E a min non me gusta o leite só, pero naquel momento sóubome a auténtica marabilla.
4. Unha viaxe pendente:
Mil e unha. Algunha aquí ó lado, ó mellor a menos de 20 kilómetros, e outras pois moi lonxe. Dicir so unha é moi difícil.
5. Un lugar de Valdeorras para perderse:
Hai moitos. Por coñecemento ou cercanía, As Tres Penas Marías. 
6. Un soño? 
Non son moito de soñar, prefiro ter os pés na terra.

Te puede interesar