José Manuel González e a arte do coleccionismo de cámaras

photo_camera José Manuel González es un valdeorrés muy especial, como demuestra la increíble colección que atesora, y a la que La Región se ha acercado en exclusiva.
Sendo un rapaz, José Manuel González xa sentía a chamada do coleccionismo, porque, segundo di, ser coleccionista é algo co que se nace. Así, dende temperá idade comezou a sumar obxetos

Dende cravos de carros a selos, pasando por radios, máquinas de escribir e, por suposto, unha das súas coleccións máis amplas: cámara de fotos. O ourensán José Manuel González é un coleccionista nato.

Entre tanto obxeto, hai espazo para a recreación dunha aula dos anos 70 e unha tenda tradicional cos produtos que daquela vendían. Unha mostra ben pintoresca e senlleira, perfectamente referenciada, e que ben merece ter o seu propio museo. E nesas anda José Manuel. 

Como comezou as súas coleccións?

Creo que con esto xa se nace. Eu de cativo todo o que atopaba xa o levaba para a casa. Imaxina, teño miles de cravos que lle caían a os carros! (risas). E despois vas pasando dunha cousa a outra.

Aparte deses cravos, que foi o primeiro que coleccionou?

Selos. Daquela tiña moita familia en Arxentina e conseguía moitos a través da correspondencia. Pero acabei agasallando todos os selos e agora non teño ningún.

E chegou o momento de coleccionar cámaras de fotos. Como se lle deu por aí?

Non sabería explicarche, pero creo que fun a primeira persoa de O Barco de Valdeorras en mercar unha. Lembro que era una Polaroid á que lle tiñas que dar coa manivela para que saise a fotografía. Eso si, xa saía ao instante.

Imaxino que lle daría bo uso.

E tanto! Teño centos de imaxes de toda a comarca de Valdeorras. De paisaxes e de xente. E, por suposto da miña familia. E todas documentadas a bolígrafo con datas e ubicación. 

Cos anos, agora mesmo, de cantas cámaras estamos a falar que ten na súa colección?

Máis de 900.

Como se consegue chegar a esa cantidade?

Viaxando moito, indo a mercadiños. Lembro ir a un e ver 40 cámaras diferentes e mercalas todas. Daquelas miña muller enfadábase (risas)… hoxe forma parte desta tolemia miña polo coleccionismo e case é peor ca mín.

Supoño entón que ten visitado moitos mercados e rastros para atopar todo tipo de pezas para as súas coleccións.

Pódoche decir, por exemplo, tirar para Lisboa, ir e vir no día, nun furgón alugado para vir cargado de radios, cámaras, instrumentos musicais, botellas…

A súa última viaxe, cando foi?

Xa antes da pandemia, o tempo voa. Fun a Lisboa coa miña filla Miriam nunha furgoneta alugada. Non nos collían as maletas á volta. As maletas quedaban, pero as radios que conseguira viñan (risas). A miña filla é restauradora. Con ela teño recorrido países como Alemaña, Luxemburgo, Bélxica… ademais de Portugal, e temos conseguido pezas únicas. 

Ese museo alberga moito máis que cámaras.

Teño de todo. Dende as cámaras a radios, gramolas, gramófonos, tocadiscos, magnetófonos, máquinas de escribir, unha colección de reloxería con todas as ferramentas dun reloxeiro… Ademais agora estou facendo as coleccións por seccións.

A que se refire?

Pois estou recreando unha aula dos anos 60 co seu pupitre, a mesa de profesor, os tinteiros, e todo o que era unha clase daquelas. Noutro espazo do local fixen unha especie de cantina coma as de antes, que tiñan todo tipo de artigos. Alí vou colocando todos os produtos que se vendían naqueles anos. Para que sexa como unha viaxe no tempo.

Que é o que o inicia a levar esas novas coleccións?

Cando vou a un mercadiño e merco algo, ou alguén me agasalla cunha peza, por exemplo ese pupitre do que che falaba e que me chamou tanto a atención porque era nos que eu estudiaba, empezó a pensar en conseguir o resto da aula. A pizarra, os pizarríns, a pluma, o tinteiro… e fun conseguindo para ter un pouco de todo. 

Ademais dos mercadiños, tamén ten moita importancia o intercambio.

Eso é fundamental. Eu non vendo nada, eu intercambio. Máis alá do valor económico, está o valor da historia de cada obxeto. De todas as maneiras agasallanme con moitas cousas. O que alguén non valora, para outros coma mín, é un tesouro. Esas pezas que me dan, póñolle a súa etiqueta co nome da persoa que ma da e algún dato máis, para que cando volva, saiba que eso foi unha doazón dela. 

Pode decirse que ten continuidade esta paixón súa?

Non sei que decirche. O meu fillo si que é un apaixoado da fotografía, pero con cámaras modernas, E agora mesmo é o responsable de cociña do Mesón Museo que abrimos fai máis de 20 anos en Sobradelo.

O nome do establecemento venlle que nin pintando.

Pois si. Alí temos expostas algunhas máquinas de fotos aparte doutras pezas que colecciono.

Supoño que máis dun comensal se sorprende e quere saber algo máis.

Moita da xente que ven comer alí quere ver o museo unha vez acaban de xantar queren que lles ensine o museo. E quedan encantados.

Que é para vostede o máis bonito do coleccionismo?

Todo. Pero isto é unha enfermidade (risas). Pero máis alá, a historia que ten cada peza. E cada vez que alguén ven visitarme, eu cóntolle todo o que agocha tras ela. Non só é estar no museo, é saber todo o que leva con ela. Que formou parte da historia doutra persoa. 

Con todo ese almacén cheo de cousas, hai tamén unha gran inversión?

Si. Aparte do que vaias sumando peza a peza, teño cousas de moito valor. Por exemplo, un moble tallado polo que me pediron 35.000euros por el. E non o vendín. Compreillo a un holandés e xa daquelas costara o seu. Tratase dunha peza da que tan só hai dúas no mundo e se fixeron por erro. Ao cristalero que lle encargaron as pezas para o moble, despistouse e o cristal torceu de tal maneira que era imposible que servisen para ningunha cousa. Así que decidiron adaptar dous mobles a medida deses oito cristais. Teño un artigo que así o demostra.

Pero como fai para atopar esos tesouros?

A casualidade. Tamén ao ter un restaurante, lévate a coñecer a moita xente. 

Algo que non coleccione?

O armamento. Nunca me gustou. E teñen chegado a mín armas que agasallo a outras persoas. 

E nas cousas pendentes de conseguir.

Unha cámara de fotos rusa. Así que se alguén me pode axudar, aproveito para pedir… Penso que é unha das poucas que non teño. 

Creo que todos sabemos a resposta, pero por si acaso, cal é o seu proxecto máis inmediato?

Abrir un museo. Pero fai falta moito diñeiro. Tamén é certo que non teño pedido, pero penso que agora é o momento. Este museo pode ser un atractivo máis para os visitantes ao concello e van querer visítalo.  Sobre todo os cativos, para que vexan como era o pasado non tan lonxano. 

Te puede interesar