Manolo González: audiovisual, formación e cultura

Manolo amosando a escolares a traxectoria de José Gil.
photo_camera Manolo amosando a escolares a traxectoria de José Gil.
Case dende o berce, Manolo González estivo ligado ao audiovisual. Dende a súa nenez que asistía como espectador ao cine Avenida da Rúa onde o seu pai traballaba, ata formar parte de diferentes cineclubes e sentar as bases que axudaron a abrir novas fiestras ao chamado “Novo Cine Galego”. É o impulsor do Chanfaina Lab, un curioso festival onde grandes nomes da dirección de cine se unen a veciños de San Sadurniño para compartir tres xornadas de convivencia, non para ver filmes, senón para crealos. Máis alá, vén de publicar dous libros para darlle luz a dous percusores do cine, José Gil, e o ourensán Rey Soto, cuxa vida da para unha boa longametraxe.

Docente e xestión en diferentes eidos do audiovisual quizais podería ser mellor “amante do cinema”

Conta cunha longa traxectoria ligada ao mundo do audiovisual, pero todo ten un comezo. E o seu xunguido ao cine ven dende ben cativo.

Case dende o berce. Meu pai era proxeccionista no cine Avenida de A Rúa. As veces a  miña nai leváballe a cea  e mentres ela vía a película, eu asistín como espectador dende o meu carriño. Contábame que vin moitas películas, e que os meus primeiros pasos foron na cabina onde traballaba meu pai. Podo lembrar perfectamente ao Manuel como unha especie de Deus que, tocaba en diferentes botóns nunha gran máquina da que agromaban centos de historias na gran pantalla. Meu pai era capaz de traer a romanos, vaqueiros e piratas, ou batallas submarinas… Posiblemente aquelas  sensacións deixaron o  seu pouso no meu futuro. Tanto foi así, que con 14 anos tiven o meu primeiro traballo remunerado como axudante de cabina do meu pai para a empresa Fraga.

E segundo pasaron os anos, seguiu camiñando paralelo ao audiovisual.

Nun principio ao abeiro activo dos cineclubes como en Ourense mentres estudaba  COU. Despois tamén no AFC de Santiago, cidade na que continuei cos meus estudos. Ademais, dende sempre fun coleccionista compulsivo das críticas de cine que se publicaban nos xornais. Algúns veciños gardábanos, e eu recortaba esa parte na que se analizaban os grandes filmes do momento. Aínda teño na casa todos eses recortes con nomes que hoxe son clásicos, pero que ficaron na miña memoria, aínda que non puidese ver todas eses películas. Pero eses textos formaron parte da miña aprendizaxe cinematográfica. 

Logo aínda fun estudiar Psicoloxía a Madrid, e tamén formei parte activa do Cineclube da facultade de Psicoloxía de Somosaguas na Complutense. 

E coa etapa laboral, comezaron tamén os seus proxectos. 

A miña vida laboral iniciouse  no IES de Allariz e foi aí onde comecei a implicar ao alumnado no audiovisual, unha constante da miña vida, a relación do ensino e a cultura do cine. Era o ano 82-83 cando fixen os primeiros súper 8mm e vídeos na escola. Despois, polo ano 84, traballei un ano como responsable da área de cinema  na Dirección Xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa. Aquel foi un ano máxico porque se puxeron os alicerces do audiovisual contemporáneo: as primeiras subvencións de curtas como “Mamasuncion” de Chano Piñeiro, vídeos de creación, documentais, o Arquivo da Imaxe de Galicia ou a experiencia “vídeo na escola” en vinte IES de Galicia.  Esas pódense considerar como as miñas primeiras experiencias na xestión institucional do audiovisual. 

Outro dos fitos que forman parte do meu ADN e do que me sinto moi orgulloso é a creación da Escola de Imaxe e Son de Coruña, da que fun creador e director durante oito anos, de 1990 a 1998. 

De aí desempeñei diferentes postos de traballo en produtoras e tamén como docente na Facultade de comunicación de Pontevedra, ata que durante os anos 2005-2009, sendo conselleira de Cultura Anxela Bugallo, creamos a Axencia Audiovisual  Galega (Hoxe Agadic). Na miña opinión, naqueles catro anos mudamos por enteiro o sistema das axudas públicas que se adxudicaban ata aquel momento, abrindo novas fiestras como por exemplo o que se denomina o “Novo Cine Galego” Así mesmo creamos unha pioneira plataforma de visionado do audiovisual galego, a exitosa “FlocosTV”.  


Audiovisual e educación. Por que considera esencial que estos ámbitos camiñen da man?

A rapazada ten que saber quen é Cervantes, Miguel Delibes ou Manuel Rivas, pero non saben quen é Alfred Hitchcock, John Ford ou Chano Piñeiro. Por primeira vez na historia todos os adolescentes son cineastas e fotógrafos cos seus móbiles. Saben manexar automaticamente cada trebello que sae ao mercado facendo gravacións ou edición para subilos ao TikTok ou Insta gran… pero penso que lle faltan  ferramentas conceptuais para controlar a linguaxe. A escola debería ter en conta esa nova circunstancia  Penso que sería absolutamente fundamental que o audiovisual estivese enxergado no currículo escolar. 
Por poñer un exemplo, Francia, un país no que todos os cursos contemplan materias educativas que inclúen formación audiovisual;  o resultado resulta evidente: a cuota da pantalla do cine francés arredor do 50%, mentres que en España non pasa do 15%.. Para un francés o cine é unha cuestión de Estado. Non é cousa dun partido político. Aínda que cambien as cores, seguen pulando por el lealmente. Creo que esta é unha das tarefas pendentes que teñen os responsables educativos e políticos do noso país.

E nese senso vostede sempre predicou co exemplo, como durante os seus anos de docencia en Ferrol e a canle “Cliphistoria” e o blogue “Cinema wabisabi”..

Nos últimos dez anos traballei con moitos adolescentes no IES Concepción Arenal de Ferrol. “Cliphistoria” foi un contedor en You tube que acadou certa repercusión mediática porque pretendía contar a  historia de España a través de fragmentos de películas que fun seleccionando e clipeando con infinita paciencia tras dun visionado de máis de 1.000 filmes españoles e latinoamericanos. Son un total de 1.400 clips e cheguei a ter dez millón de visualizacións e case 20.000 subscritores de todo o mundo. O blogue “Cinema wabisabi” pretende ser un manual on line da formación audiovisual para o cine feito por estudantes de bacharelato. Produciamos preto de 200 pezas wabisabi por ano.

 E chegou o Chanfaina Lab. En que consiste esta iniciativa?

Chanfaina Lab, desenvolvese durante a primeira semana de setembro en San Sadurniño (A Coruña) dende o 2013, É un encontro de cineastas modesto, sen moito orzamento, non competitivo, no que @s asistentes non veñen a ver películas senón a facelas. O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina. 


Por iso, un dos sinais de identidade da Chanfainalab é xustamente iso:  o de ser un "revolto de cousas diversas"; porque procura a diversidade dos/as cineastas segundo idade, xénero, formación ou experiencia para que o encontro sexa un tempo fecundo:  unha celebración da tolerancia, onde se intercambien ideas, experiencias e capacidades. Entre os creadores/as que participan coa súa cámara, máis do 70 % son autores/as naturais ou veciños de San Sadurniño desde os 12 anos: xubilados, labregos, amas de casa, estudantes. Asemade en cada edición participan invitados  12-13 cineastas relevantes do país -moitos deles con importantes galardóns nacionais e internacionais- que conviven coa veciñanza. As 160 pezas producidas ata o momento tiveron unha gran incidencia planetaria e permanencia ao longo do tempo a través da súa web (+ 200.000 visionados on line). Todas as pezas poden verse  na web de Chanfaina Lab, en “Fálame de San Sadurniño”.  No 2022 a Academia Galega do audiovisual  outorgounos o XI Premio José Sellier por “porque fomenta a liberdade creativa e favorece a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica”.


Cando será a estrea das curtas rodadas este ano?


O 24 de febreiro. Ese día temos a première mundial das 32 curtas que se fixeron nesta edición. Tanto as dos nomes recoñecidos do audiovisual coma as da veciñanza de San Sadurniño. A gala será presentada pola actriz Isabel Risco.


En definitiva, como definiría o Chanfaina?


Así , a vuela pluma resumiría: É unha festa da tolerancia entre estilos, idades, xéneros e xeitos de narrar:  dende o cinema popular ata a vangarda máis innovadora. A sensación do espectador é a diversidade de propostas “un revolto de cousas diversas”.   É  un evento interxeracional, pois as persoas participantes van dende os 16 anos aos 80. É unha aposta pola democratización do audiovisual e a valoración da expresión individual  fronte a industria audiovisual. Potencia o agromar e a formación de  cineastas locais  Está centrado na produción e non no simple visionado de filmes. O conxunto das pezas producidas conforman un puzzle marabilloso que se insire no patrimonio e a historia local con numerosos contidos creados en gran parte pola veciñanza de San Sadurniño e que logo percorre os máis relevantes festivais galegos (Play doc, Curtocircuito, MICE, S8, Cans, Filmoteca de Galicia, etc

E agora tocamos a faceta de escritor, que, non podía ser menos, vai ligada ao audiovisual.


“Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil”, é a materialización dunha arela que tiven durante toda a miña vida. Cos anos fun acumulando fotos, textos,  documentos… e sempre coa idea de que “cando teña tempo, póñome con isto”. E ao final tíveno e velaquí está. Este libro permitiume saldar unha débeda comigo e con José Gil, que tamén residiu varios anos en Ourense. Pretende iluminar un persoaxe esquecido e escurecido, moi relevante, o que se lle deben unha gran cantidade de obras de carácter documental e unha fonte para poder coñecer a Galicia da súa época (primeiro terzo do século XX). . Un home bo e xeneroso que tentou construír  Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario dunha cultura. Entre o ano 1910 e 1935 fixo 135 películas documentais. Entre outras foi o pioneiro do reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cinema industrial e turístico, a conexión cinematográfica con Portugal, o cine educativo e científico, o cinema móbil, os noticiarios, a publicidade, o cinema da emigración, o arquivo fílmico e outras tantas achegas incuestionábeis a prol da modernización do que consideraba o seu país


E case á par, saíu do prelo “O Benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto”.


Penso que nestes momentos, no que o presente do audiovisual galego está acadando grandes fitos e éxitos e semella cargado de futuro, aínda ten pendente rematar o seu relato cun flashback. Neste caso intento lembrar a este outro precursor que tampouco se entendeu ben no seu momento. 
O libro ten a mesma orixe que o de Gil, como froito dunha longa colección e documentación ao longo da miña vida sobre a  persoa de Rey Soto. Un persoaxe ourensán, -con rúa no barrio da Ponte en Ourense-,  pero descoñecido pola veciñanza de Auria.  Antonio Rey Soto  era unha especie de influencer, escritor, poeta, dramaturgo, ensaísta, visionario, bohemio e persoaxe famoso e  relevante da cultura española arredor de 1920. Era un cura protexido por outra ilustre figura esquecida da historia ourensá: Angelita Varela, marquesa de Atalaya Bermeja.  Como anécdota, cando Rey Soto viña a Ourense, a Banda Municipal dirixíase á Estación para recibilo e a xente acompañábao á súa casa. Imaxina! Mais neste libro abordo só dous anos da súa vida 1923 e 1924. Cando o sacerdote poeta experimentou unha especie de arrebato cinematográfico 


E neses anos, que aborda?


Nesa época el xa consideraba o cine como un arte. Viaxou a América e viu o pouco e mal que se coñecía de Galicia ao outro lado do charco. Así que constituíu unha produtora -Celta films-  co empresario vigués Antonio Méndez para producir películas e proxectalas en América. Unha delas, de seis horas de duración! “Viaxe a través de Galicia y Asturias”, onde saen moitos planos de Ourense. Con ela foi a Cuba… pero remata a súa peripecia por un motivo que non vou desvelar por non facer “spoiler”. 
Tamén escribiu os diálogos da primeira longa de ficción producida en Galicia, “Maruxa”, que xusto agora, en xaneiro de 1924, estreábase na Habana. Foi o responsable de facer os rótulos xa que daquelas era cinema mudo. 


É o nome de “benshi” que lle da ao título do libro?


Os benshi eran os narradores do cinema mudo xaponés. Eran poetas e rapsodas. O rol do benshi xaponés non era meramente descritivo senón  incluso explicativo. Rey Soto adopta a mesma función nas películas que narraba.  El tiña unha oratoria espectacular que acompañaba o seu físico. Si, era guapo, moi guapo. Bohemio, artista… todos aqueles que falaban con el quedaban abducidos. Atrapaba a todos

coa súa labia. Intelixente, culto, atractivo, don de palabra… así que o de “benshi” venlle ben acaído. 


E supoño que aínda quedan moitos proxecto por sacar adiante…


Moitos!. O máis inmediato é un sobre o que denomino “cine de correspondencia”, que eran películas que viaxaban dun ao outro lado do Atlántico dende 1910 a 1960. Unha especie de intercambio emocional entre Galicia e América a través do cine moi curioso e que considero como unha singular achega de Galicia á propia historia do cinema. 
 

Te puede interesar