ENTREVISTA

Atención individualizada nun ambiente óptimo

photo_camera Mª Cruz Estévez Iglesias, directora do centro.

O colexio rural Agrupado Amencer conta con tres escolas, ubicadas nas localidades de San Paio, San Cristovo e Francelos

San Paio, San Cristovo e Francelos son as tres localidades de O Ribeiro onde se ubican as escolas que conforman o colexio rural agrupado Amecer, un centro de ensino no que este curso están escolarizados preto de medio cento de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 7-8 anos.

Mª Cruz Estévez estréase este curso como directora deste colexio e comparte co Xornal Escolar as vantaxes dun centro destas característica do que destaca especialmente a atención individualizada e a estreita relación familia-escola.

Como é o CRA Amencer?

Conta con tres escolas, ubicadas nas localidades de San Paio, San Cristovo e Francelos, pertencentes ao Concello de Ribadavia, onde están escolarizados nenos e nenas dende 3 ata 7-8 anos. Son grupos reducidos, o que permite unha atención moi individualizada. No tocante ás instalacións, todas as escolas están dotadas de ordenadores, pizarras dixitais e tablets. Ademais na escola de San Paio está a sede administrativa e a biblioteca escolar do centro.

Con que novidades conta o colexio este curso?

Este ano, como innovación, na nosa programación do centro levamos a cabo o seguimento e coñecemento da obra dun gran pintor da nosa provincia, como foi Xaime Quessada. Queremos agradecer á súa Fundación, á súa muller Chus, a María, Paula e a todos os que colaboraron con este proxecto que achegan ás escolas e por esa gran visita guiada a exposición no Pazo de Vilamarín. Ademais desta iniciativa, seguimos enfocando o ensino dos nosos alumnos a través doutros proxectos, que van variando segundo a etapa evolutiva dos nenos/as e a época na que se levan a cabo.

Falando de proxectos, en que outros estades inmersos?

Este curso e dende hai xa anos estamos a participar por exemplo en Rede de Escolas na Nube, un proxecto de innovación educativa que tenta desenvolver unha contorna de colaboración e aprendizaxe en comunidade, baseada en servizos ‘cloud’ e software aberto para os Centros Rurais Agrupados. Tamén participamos no denominado RuralSchoolCloud, un proxecto europeo baseado no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos; no Plan Proxecta, cos programas educativos: Xogade, Consumo de froita na escola, Ponlle as pilas ao teu bocata e Xermoliño; no Plambe, dende hai xa catro cursos: e por último en Ranopla, un proxecto educativo a través de internet, dirixido ao alumnado de Primaria que ten como obxectivo axudar a incentivar o gusto pola lectura.

Todos estes proxectos compleméntanse tamén con actividades extraescolares, cales destacaría?

O primeiro que quería salientar é que as actividades extraescolares están organizadas pola ANPA. Neste curso impártense pintura e xogos populares, ademais do préstamo de libros da Biblioteca escolar do centro.

A ANPA é polo tanto moi activa, esta boa relación tamén é aplicable ao resto dos pais?

De feito que sí. Ademais é unha das cousas que me gustaría salientar especialmente. A relación familia-escola é moi estreita. As familias forman parte da comunidade educativa dun xeito pedagóxico, aportando todo tipo de ideas e colaborando así na educación dos seus fillos, os nosos alumnos.

A boa relación coas familias é un plus á hora de pensar en matricular a un fillo/a neste centro, que lle diría vostede aos pais que están a pensar en matricular aos seus nenos no CRA Amencer?

Que non o dubiden. Un centro destas características é moi completo e óptimo á hora de pensar na educación dos cativos/as. Entre as vantaxes non hai que esquecerse da atención individualizada que lles proporcionamos nas tres escolas, detectando con inmediatez calquer problema. Somos como unha gran familia e o contacto cos pais é continuo. Tamén destacaría o ben equipadas que están as tres escolas e os numerosos plans e proxectos nos que estamos inmersos. En definitiva, no CRA Amencer traballamos para brindarlle aos nosos escolares a mellor e máis completas das formacións nun ambiente inmellorable.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma