Escolares de ESO e Bacharelato participaron nas Tertulias Literarias en galego, no Liceo de Ourense. A actividade didáctica estivo organizada pola Concellería de Educación do Concello de Ourense e a Deputación provincial.
Un grupo de 190 escolares de ESO e Bacharelato procedentes de 11 centros de ensino de toda a provincia participaron na décimo primeira edición das Tertulias Literarias en galego que hai uns días acolleu o Liceo de Ourense. Esta proposta educativa, organizada pola Concellería de Educación do Concello de Ourense e a Deputación de Ourense, prolongouse durante tres xornadas, nas que os escolares se dividiron por grupos para participar todos na actividade.
Nesta ocasión, o libro escollido para as tertulias é a novela titulada "Izan o da saca" (de. Xerais), unha obra de Xabier Quiroga. Os debates sobre este exemplar sucedéronse os días 30 e 31 de xaneiro e o día 1 de febreiro. Ademais, o último día da actividade, os escolares recibiron a visita do propio autor do libro, que aproveitou para conversar cos alumnos e alumnas que ese día tiñan que presentar as conclusións dos seus traballos.
A actividade consistiu nunha posta en común de experiencias e ideas entorno ao libro e a lectura. Para poder realizar esta actividade, un grupo de traballo formado por 20 profesores dos centros participantes, xunto coa coordinadora do programa Tertulias Literarias, Sara Dacal, e o representante da Deputación, Aurelio Gömez Villar, desenvolveron reunións previas e traballo de aula co alumnado.
O Concello e a Deputación facilitaron, ademais, os exemplares dos libros aos centros de ensino participantes que nesta ocasión foron o IES O Couto, IES Blanco Amor, IES Otero Pedrayo, IES As Lagoas, IES Universidade Laboral, CPR Divina Pastora e CPR Padre Feijóo, e CPI José García, na cidade de Ourense. Tamén participaron centros de ensino de fóra da cidade, que neste caso foron o IES Allariz, IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía.
A lectura é fundamental e tanto desde o Concello de Ourense como desde a Deputación procuran organizar actividades coas que os nenos e mozos ourensáns adquiran o hábito da lectura dun xeito didáctico pero á vez ameno.
A vindeira cita do ciclo educativo será no mes de abril, momento no que se celebrarán de novo as Tertulias Literarias, pero neste caso en castelán.