Lixoteca

Crea o teu propio futbolín

photo_camera Los consejos para crear nuestro propio futbolín.
Hoxe vas facer o teu propio futbolín, moi sinxelo na súa elaboración pero que che regalará horas e horas de diversión.

Os materiais que necesitas son: unha caixa de cartón, unha cartolina verde, cinta adhesiva de dúas cores, pinzas da roupa, catro paus finiños, rotuladores e unha troqueladora de circuliños.

Como imos facer un campo de fútbol, o primeiro vai ser poñer a “herba”. Para preparar a caixa, quítalle as solapas que a pechan e deixa só os laterais e o fondo. Corta a cartolina verde coas medidas da caixa e pinta sobre ela a área do campo. Marca as porterías tamén na caixa.

Necesitamos dous equipos que se enfronten nos teus partidos e isto é o que imos preparar agora. Colle os catro paus e ponlle na punta un pouco de cinta adhesiva (dous dunha cor e os outros dous da outra). Fai o mesmo coas pinzas da roupa. Cinco para cada un dos equipos. Continuamos!

Cun cúter e a axuda dun maior para que non te manques, corta o rectángulo das porterías para que poidades marcar moitos goles. E coa troqueladora, fai catro buratiños na parte superior de cada un dos lados longos da caixa. Por aquí será por onde vaias introducindo os pauciños que che permitan mover ós xogadores.

Xa case o temos! Só nos queda o paso máis importante: colocar ós xogadores no campo. En total tes que ter cinco xogadores para cada equipo, que deberás colocar de forma alterna para repartilos ben por todo o campo. Dous no pauciño da portería e os outros tres no medio do campo.

Busca unha pelotiña e alguén que se anime a xogar contigo e, xa podes comezar a túa particular liga caseira. O futbolín é un dos xogos máis populares en todo o mundo, inventado por un galego (Alexandre de Fisterra no ano 1937). Facer un para ter na túa casa é moi sinxelo, así que xa sabes… Mans á obra!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar