No colexio conmemoraron conxuntamente o Día da Paz e o da Educación Ambiental con numerosas actividades didácticas e lúdicas
Con motivo da Semana da Paz, no CEIP Plurilingüe Profesor Albino Núñez a ANPA puxo en marcha un banco de alimentos, no que están participando ademais dos escolares, numerosas parroquias da zona. Todo o recadado destinarase integramente ás familias do centro con máis dificultades económicas. Esta actividade a denominaron "Paz = Pan para todos".
Durante esta semana da Paz tamén conmemoraron a Educación Ambiental e organizaron moitas outras actividades lúdicas e educativas como recollida de lixo dentro do progama "Por unha escola verde". Así, decoraron a escola cos paraugas da paz, fixeron árbores e bosque da paz e os nenos e nenas de 4º de Educación Primaria presentaron unha obra de teatro.
Subiron ao escenario para presentar a montaxe que levou por nome "O bosque da Paz". Tamén saíron ao patio para cantar e bailar tres cancións: "Reducir, reutilizar e reciclar", "Bailemos todos" e Paz, paz, paz", de Juanes. Foi unha semana do máis intensa neste colexio ourensán onde cada unha das propostas que organziron foron un éxito e contaron coa participación de toda a comunidade educativa.