Lixoteca

Facemos un maio

Comeza o mes máis importante da primavera e, con el, chegou tamén unha das festas máis agardadas. Por iso, hoxe imos facer un maio de estilo tradicional.

O primeiro que necesitaremos será unha caixa de cartón, sobre a que debuxaremos un triángulo todo o grande que queiramos que sexa o maio.

O maio máis tradicional é o que ten forma de pirámide, por iso imos necesitar catro triángulos iguais de cartón. Cando os teñas, xúntaos facendo a forma que ves na imaxe e, se é preciso, deixa que seque ben o pegamento antes de seguir. Non te preocupes se non queda perfecto porque imos cubrilo de todo.

Así que teñas a estructura lista, colle un punzón e ten preto de ti a unha persoa maior, para o paso que vén agora. Trátase de furar as catro caras da pirámide e enchelos de buratiños. Cantos máis fagas mellor, porque máis sitio terás para decorar o teu maio, así que non te cortes!

Chegou a parte máis divertida desta Lixoteca: saír ó monte. O maio é unha creación decorada con elementos naturais propios desta época do ano, así que aproveita para saír ó exterior e recoller xestas, herbas, musgo ou carrabouxos. Tamén podes coller algunha flor para darlle toquiños de cor.

Toca pintar! Para evitar que se vexa o cartón da nosa base nos buratos que queden entre os elementos decorativos, imos pintar a estructura de cor verde. É unha boa actividade para facer con amigos, porque os maios son unha festa social na que o máis importante é divertirse.

Agora si, utiliza os buratiños que fixeches co punzón para encher as catro caras da pirámide de natureza. Mete as ramiñas das xestas, as flores e, con pegamento, engade tamén algún carrabouxo que son moi típicos desta festa. Xa estás listo para vivir unha das tradicións máis ancestrais, así que… Mans á obra!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar