COLE A COLE

Firme aposta polos idiomas

No CEIP Inmaculada e dentro da  asignatura de inglés, préstase especial atención ás festas relacionadas coa cultura inglesa

No número 22 da rúa Inmaculada de Ourense está ubicado o centro de Educación Infantil e Primaria que leva o mesmo nome. Este colexio destaca por ser moi familiar e nos últimos anos, dun xeito especial, polo pulo que lle están a dar a aprendizaxe dos idiomas, tanto ao inglés como ao galego e ao francés. Ana Balbina Rodríguez é, dende hai cinco anos, a directora do centro e comparte co Xornal Escolar as novidades e proxectos que están a levar a cabo no CEIP Inmaculada.

Como definiría vostede o CEIP Inmaculada? 
O noso centro destaca por ser moi pequeno e familiar, cun número reducido de alumnos por aula, polo que se lle da unha educación máis personalizada e individualizada según as necesidades. Temos equipo de Orientación, mestra de Educación Especial, mestra de Audición e Linguaxe e coidadora.
 

E no tocante á aprendizaxe, que destacaría?
A importancia que se lle está a dar dende hai uns anos aos idiomas, que son fundamentais actualmente. Temos dúas seccións bilingües de 1º a 4º de Educación Primaria, nas que se imparte a Educación Plástica en inglés. En Educación Infantil, cos nenos e nenas de 3 anos, impártense as clases en galego/ castelán, ademáis de ter música e psicomotricidade, teñen inglés e tamén iniciación ao francés.

Pero os idiomas non só se limitan ás asignaturas que se imparten en cada nivel educativo, tamén os aplicades nos momentos máis lúdicos non si?
Claro que si. Un claro exemplo é o que acontece na asignatura de inglés onde se presta especial atención aos festexos relacionados coa cultura inglesa, entre elas o Thanksgiving Day, Christmas: making chocolates, Pancake Day. Tamén cada año se realiza a “Easter Bonnet Parade” para celebrar a chegada da primavera.

Aprender dun xeito lúdico será polo tanto do máis froitífero para o alumnado.
Dende logo que si. Despois de traballar na aula o vocabulario relacionada coa primavera, no caso da “Easter Bonnet Parade”, o alumnado realiza, coa axuda das familias, un sombreiro con motivos primaverais que despois amosan á comunidade educativa, tanto aos compañeiros como ao resto dos pais nuns divertidos desfiles. 
 

En canto á edificación, como se presenta o CEIP Inmaculda?
Ademáis das aulas ordinarias temos aula de música, aula de inglés, aula de plástica (sección bilíngüe inglés), biblioteca, horta. A horta está a cargo dos mestres e alumnos de Educación Infantil. Destacamos tamén a actividade deste espazo xa que este curso plantamos leitugas cebolas cenoiras, fresas e decoramos o patio con flores.

Non hai dúbida de que o centro amosa deste xeito unha magnífica imaxe. E o tema das relacións entre a comunidade educativa?
A relación é moi boa entre todos. Os pais colaboran en todo o que se lles solicita e ao ser poucos alumnos por clase a relación é moi estreita. Por outra banda tamén destaca a ANPA que é a encargada de organizar as actividades extraescolares. Este curso contamos con patinaxe e basketball.

Por último, fálenos dos proxectos educativos nos que estades inmersos.
Destacaría de xeito especial tres. O Plan Proa, co que os alumnos de 3º.4º,5º, e 6º de Primaria poden asistir de balde, dúas tardes á semana a clases de reforzo de lingua e matemáticas. Non nos podemos esquecer do Proxecto Abalar co que os alumnos de 5º e 6º de Primaria contan cun ordenador portátil cada un. Por último, en 4º e 6º de Primaria temos unha nova asignatura denominada "Animación á Lectura", coa que pretendemos dar máis impulso á lectura, comprensión e expresión oral. Tamén se realiza un reforzo de lectura nas clases de lingua. Destacamos que os alumnos de 2º de Primaria teñen unha media de 30 libros lidos por trimestre, un dato verdadeiramente estupendo.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma

xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?