semana da mobilidade

Imos a pé polo futuro do planeta

MOBILIDADE
photo_camera Os alumnos realizaron diferentes actividades dentro da Semana da Mobilidade.
A Semana da Mobilidade comezou cos alumnos dos colexios Salesianos, Franciscanas e San Pío X realizando a pé o camiño entre os seus centros e o Xardín do Posío

Promover entre os escolares o costume de camiñar era un dos obxectivos cos que partía a actividade "Camiña con nós", unha proposta enmarcada no intenso programa da Semana da Mobilidade co que o Concello de Ourense se sumou a esta iniciativa de carácter europeo. Foron moitas as accións destinadas ós máis pequenos, pois son eles o futuro da cidade e en quen se depositan as esperanzas para que as emisións dos vehículos se vaian reducindo progresivamente en todo o mundo tanto para incentivar un estilo de vida máis saudable como para concienciar sobre o coidado do medio ambiente. 

O pasado luns, día 16, constituíu a primeira xornada desa Semana da Mobilidade e unha das primeiras actividades pasou por convocar a centos de escolares da cidade para realizar a pé os metros que separaban os seus centros educativos do Xardín do Posío, onde se deron cita chegando cada un dende unha punta da cidade. No Xornal Escolar acompañamos ós alumnos do colexio Salesianos nesta primeira excursión que realizan no curso escolar. Vestidos cos correspondentes chalecos de visibilidade, os pequenos partiron por parellas e percorreron toda a rúa Progreso ata chegar ó Posío, onde se atoparon cos alumnos de Franciscanas e do colexio San Pío X. 

Polo camiño, os pequenos foron atopando os obstáculos típicos de quen se move a pé pola cidade. Temos claro por onde van os coches e por onde os viandantes, moita atención nos pasos de peóns, agardar pacientemente a que os semáforos se poñan en verde, sorteamos as terrazas que ocupan as beirarrúas e saudamos ós veciños cos que nos imos cruzando e que amosan curiosidade polo noso paseo. Deste xeito transcorreron os case 1.500 metros que separan o colexio do Xardín do Posío e que lles levou ós pequenos algo máis de media hora percorrer. 

A actividade, ademais de supoñer unha mañá de diversión e de encontro con outros nenos, serviu tamén para concienciar ós alumnos sobre a importancia de ir abandoando o hábito de moverse en coche polas rúas de Ourense. A seguridade foi o factor máis importante a ter en conta, tanto polos profesores que acompañaron a actividade como polos nenos, que afirman con rotundidade que "con coidado" é a única forma de moverse a pé pola cidade. 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma