No colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús, Carmelitas – Vedruna, tamén basean a súa metodoloxía no traballo por proxectos.
No colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús, Carmelitas – Vedruna apostan pola innovación no ensino e valoran a importancia de ofrecer unha mellor oferta educativa nun mundo tecnolóxico, de redes de comunicación e de intercambios culturais. Así xorde a idea de comezar a traballar por proxectos en Educación Infantil; os máis pequenos coñecen as plantas, tanto nas clases, coma no Ecohorto deseñado por eles mesmos e os castelos e o mundo a través dunha viaxe marabillosa. Todo isto baixo outro proxecto que comeza nesta etapa e segue na educación primaria, o traballo das materias cos iPads, unha ferramenta de afianzamento do aprendido. Con esta base, ao final desta última etapa, en 6º de primaria, teñen a materia “Aprendendo con iPads”, e en 2º da ESO, "Aprendendo por Proxectos". Estas materias foron deseñadas pola necesidade dos alumnos de seguir aprendendo dunha maneira diferente: traballando en equipo e investigando utilizando as TICs.
Pensando nesta cultura de innovación, tecnoloxía e creatividade onde vivimos, naceu o proxecto "Canal Científico Vedruna", coa finalidade de achegar aos estudantes á ciencia e facela, en certo modo, máis divertida a través da utilización das TICs e de experiencias cotiás. E, sen deixar a realidade que nos rodea non moi lonxe, comezou o “Obradoiro de Educación Financeira”, onde se realizan distintas actividades das que se pode destacar un dicionario financeiro en formato vídeo, con entrevistas a economistas da cidade. Ademais de todo isto, contan cos “Padriños Lectores”, os alumnos de 6º de primaria, que apadriñan aos nenos de 5 anos no seu proceso lector. Nesta experiencia, ademais de momentos de lectura e aprendizaxe, afiánzanse as relacións interpersoais do centro con nenos de diferentes idades. Todo isto, contribúe ao seu correcto desenvolvemento na sociedade de hoxe en día.