Obradoiro

Os máis cativos achéganse ao mundo das setas e aos seus rituais

Ir acompañados dunha cesta é o mellor xeito de recoller setas.
photo_camera Ir acompañados dunha cesta é o mellor xeito de recoller setas.
A Aula da Natureza de Oira acolleu un obradoiro de micoloxía destinado a centros educativos e familias da cidade

Se algo ten o outono -e por iso é tan agardado e querido- é que transforma a paisaxe, non só outorgándolle unhas tonalidades únicas no ano, senón tamén regalando productos únicos na gastronomía anual. É o caso das setas nos seus centos de especies, formas e cores. Moi importante é identificalas, pois non sempre o que a terra nos dá é apto para o consumo humano. Como acontece con outros moitos froitos de outono, a micoloxía trae consigo todo un ritual que agora os pequenos da cidade teñen a oportunidade de coñecer da man da Aula da Natureza de Oira. 

Cales son os mellores lugares para recoller setas? Que condicións debe posuír a terra para ser rica nestes productos? Como identificar as setas comestibles? Por que o ideal é recollelas nunha cesta? Como deben recollerse para que a terra non sufra? A estas e outras preguntas respondeu o micólogo Xusto Veloso durante o "Obradoiro de micoloxía" para escolas e familias organizado pola Concellería de Educación ourensá e coordinado por Luis Herminio Amigo. 

Os alumnos de Franciscanas foron os primeiros en sumarse á actividade, que consistíu nunha parte teórica de información sobre as setas e os seus compoñentes e outra práctica con saída ó monte deseñadas para achegar ós máis novos a esta ciencia tan popular nas terras de Ourense dun xeito lúdico e divertido que lles permita afondar na riqueza natural. 


Respecto pola natureza


A micoloxía non consiste só en recoller setas, senón que leva asociada unha serie de valores que teñen o respecto e coñecemento da natureza como telón de fondo. Do mesmo xeito, trátase dunha práctica asociada tamén a uns hábitos de vida saudables, pois a recolleita de setas implica camiñar polo monte, respirar aire puro e desbotar o sedentarismo para adoptar unha mentalidade máis natural. 

Unha vez adquirido ese hábito de camiñar polos bosques autóctonos, a micoloxía implica un fondo coñecemento da flora propia, entender en que medida as condicións climáticas, a humidade e os nutrientes da terra inflúen na aparición dunhas ou outras variedades de setas. Importante é tamén comprender que recoller unha seta significa arrincar un froito da súa terra e, por iso, debe facerse dun xeito concreto para favorecer que o entorno non sufra. Aí entra o valor do respecto pola natureza, que os "micólogos" máis novos tiveron ocasión de coñecer neste obradoiro da Aula da Natureza. 

Por todo isto, inculcar o amor pola micoloxía nos máis novos implica tamén unha serie de valores que dende a Concellería de Educación tratan de transmitir con este tipo de iniciativas tan educativas como lúdicas.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma