O meu cole chámase...

Mestre Vide

Músico precoz

xornalescolar_1501_mestre_vide_01

Faltaban só sete anos para que o século XIX rematase cando nacía en Ourense José Fernández Vide. Entre zapatos pasou a súa infancia na cidade e con tan só oito anos entrou no coro da Catedral de Ourense. Foi naquel momento cando empezou a amosar as dotes innatas que tiña para a música. Madrid foi o seu primeiro destino. Á capital trasladouse para completar os seus estudos no Conservatorio e, xa formado, regresou á súa cidade natal para converterse en organista da Catedral durante sete anos. Nese tempo, compaxinábao co seu traballo como mestre na Escola de Maxisterio.

Mestre e compositor

Entrada oeste da Catedral de Ourense pola Plaza de San Martiño.

O legado musical de José Fernández Vide, que pasou á historia como Mestre Vide, chegou ata Cuba, a onde emigrou en 1924. Alí converteuse en docente na prestixiosa Academia de Belas Artes do Centro Galego, converténdose en director só seis anos máis tarde. Foi unha etapa moi prolífica para o mestre, que non deixou de compoñer obras para voz e piano preferentemente en galego. Comezados os anos 30, voltou a Galicia e, a nivel profesional, instalouse na Escola de Maxisterio e no Instituto das Lagoas, onde permaneceu ata acadar a idade de xubilación. Non faltaron as actuacións por toda Galicia.

Inmortal nas Lagoas

xornalescolar_1501_mestre_vide_03

O 20 de novembro de 1981, José Fernández Vide falecía en Ourense, que aínda hoxe o lembra coma o Mestre Vide. Non só deixou para a eternidade as súas obras musicais e unha pegada imborrable en numerosas agrupacións da cidade, senón que se converteu en eterno no barrio das Lagoas. Alí, a súa figura lémbrase nunha das rúas centrais do barrio, a que pasa fronte á Escola de Idiomas e o IES ó que lle adicou boa parte da súa carreira profesional. Ademais, centos de mozos e mozas acoden cada día ó colexio que leva o seu nome e que é un dos máis salientados da actividade educativa ourensá.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar