Lixoteca

Ollo ós prismáticos

Chega a época na que os animais saen ó campo. Prepárate para saír de safari con estes orixinais prismáticos.

Para facelos só necesitarás: dous roliños de papel hixiénico, pintura de cores de camuflaxe, esponxa, cordel, troqueladora, tesoiras, grampadora e cinta adhesiva dunha cor escura.

O primeiro que faremos antes de comezar a preparar os prismáticos é poñer un pouco de papel de cociña ou un xornal vello debaixo de onde imos traballar para non lixar nada. Se xa tes a zona preparada, colle a esponxa e comeza por darlle unha capa verde uniforme ós dous roliños de cartón.

Para conseguir un toque de camuflaxe e pasar desapercibido na selva, dalle uns toques salpicados de cores marróns, ocres ou amarelas, ata que consigas algo que se camufle ben. Déixaos secar antes de grampar os dous roliños -un contra o outro- como ves na imaxe. Faino polos dous lados.

Aínda que os dous roliños xa están xuntos coas grampas, imos aseguralos e, ó mesmo tempo, darlle un toque decorativo, cun pouco de cinta adhesiva. Nós escollemos unha de cor negra, pero se prefires podes utilizar tons de camuflaxe. Sexa como sexa, rodea os prismáticos polos dous lados e corta cando remates.

Só nos queda unha cousiña, imprescindible para que saias de safari: colocarlle unha corda. Para iso, antes terás que facer uns buratiños nun dos lados cunha troqueladora ou con axuda dunha tesoira se prefires. Mide aproximadamente canto cordel precisas e méteo polos buratos facéndolle un nó na parte interior.

E xa tes listos os teus novos prismáticos. Como ves, facer uns prismáticos cos que saír a observar a fauna do teu entorno é moi sinxelo, así que podes facer outro par para prestarlle ós teus compañeiros de batalla e así aumentar a diversión nas túas saídas á natureza. Xa sabes… Mans á obra!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar