Porque estudiar é aprender

As orixes de San Martiño, unha secuencia de números con truco e o Día Universal da Infancia

xornalchuletas

Historia: O patrón de Ourense

xornalescolar_0911_chuletas_04

Sabías que o patrón da cidade de Ourense naceu en Hungría? Concretamente na cidade de Sabaria (hoxe Szombathely), pero morreu en Francia, onde foi bispo. Viviu entre os anos 316 e 397, iso é no século catro, hai agora 1.700 anos! Aínda que comezou sendo militar, optou por adicarse á vida relixiosa por unha cousa que lle aconteceu en Amiens (Francia) cun mendigo. Segundo conta a lenda, partiu a súa capa para darlle a metade a un camiñante que atopou con moito frío e ese foi só un episodio dos moitos que tivo a súa xenerosidade. Acusado de cobarde cando decidiu abandonar o exército, comezou a súa carreira relixiosa que culminou convertido en bispo vivindo coma un eremita.

Durante a súa vida fundou tres mosteiros: en Milán, na illa de Gallinara e un terceiro preto de Poitiers, que está considerado como o máis antigo de Europa. E, aínda que nunca pisou Galicia, converteuse en patrón de Ourense, cidade que mañá mesmo lle renderá unha grande homenaxe festiva porque, ademais de santo, tamén é o gran protagonista dos Magostos. 

Matemáticas: Secuencia con truco

xornalescolar_0911_chuletas_05

Os números son todo un mundo en si mesmos e arredor deles téñense creado lendas e historias. Exemplo dunha destas curiosidades é a chamada “Secuencia de Fibonacci”, da que non che imos explicar moito, pero si deixarche un exemplo, a ver se eres capaz de saber en que consiste… Dúas pistas: é infinita e os números van estando relacionados entre si. 

1, 1, 2, 3, 5, 8, 13, 21, 34, 55, 89, 144, 233, 377, 610, 987, 1597… 

Xeografía: A capa de ozono

xornalescolar_0911_chuletas_03

Estes días as noticias falan moito do tema do cambio climático. E, un dos termos que máis se repite é o da capa de ozono. Isto é unha cobertura que ten o planeta Terra formado na súa maioría polo gas que lle dá nome. Está situado a partir de 15 kilómetros de altura con respecto dos teus pés e é o encargado de absorber unha altísima cantidade de radiación ultravioleta. O problema é que se lle fai ás veces un burato que está sendo moi perxudicial para o clima. E, se cambia o clima, tamén imos cambiar -para mal- tódolos seres vivos que habitamos o mundo.

Lingua: As palabras máis raras

xornalescolar_0911_chuletas_02

Saberías dicir cantas palabras existen? O diccionario da Real Academia Española recolle un total de 88.000 e, aínda que che pareza mentira, non son moitas… O inglés, por exemplo, conta con 350.000 palabras!

Ímosche deixar aquí algunhas das máis raras e longas do galego para que te entreteñas un momento tratando de adiviñar que significan: esternocleidomastoideo, magnetohidrodinámica, electroencefalografía, preterintencionalidade…

Curiosidades: O Día Universal da Infancia

xornalescolar_0911_chuletas_01

O vindeiro sábado, día 20, estás de festa. Non é que sexa o teu aniversario ou que haxa música nas rúas, senón que é o día dos nenos. Foi declarado pola Organización das Nacións Unidas para adicarlle unha xornada a tódalas nenas e nenos do mundo, lembrándolles o importante da etapa vital que están a vivir e concienciándoos de que non todos no mundo teñen as mesmas oportunidades. 

Celébrase o 20 de novembro para conmemorar que foi ese día cando a Asamblea Xeral da ONU aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno no ano 1959, de obrigado cumprimento para tódolos países que a suscriben. Trátase tamén de lembrarlle a toda a cidadanía do planeta a gran vulnerabilidade dos nenos ante calquera situación adversa, chamando a atención sobre os máis desfavorecidos e para dar a coñecer os dereitos da infancia. Así que, dende o Xornal Escolar, feliz Día do Neno!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar