O meu cole chámase...

Rosalía de Castro

xornalescolar_0911_rosalia_03

Unha muller eterna

xornalescolar_0911_rosalia_03

Se falamos dunha muller importante para a literatura galega, seguro que a todos se nos vén á cabeza un nome. Pero se non se che ocorre ningún, pensa nestas pistas: nacida en Santiago de Compostela, casada con Manuel Murguía, poeta do Rexurdimento… E un verso: “Adiós ríos, adiós fontes”. Agora xa sabes de quen falamos, a que si? Porque a figura de Rosalía de Castro non só é universal, senón tamén eterna. Foi, xunto con Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, unha das personaxes emblemáticas do rexurdir da lingua galega. Da súa pluma saíron libros como “Cantares gallegos” ou “En las orillas del Sar”.

Adiantada ó seu tempo

xornalescolar_0911_rosalia_02

Se aínda hoxe estamos loitando por cuestións como o galego ou o feminismo, imaxina o que sería facelo na época de Rosalía de Castro. Pensa que viviu no século XIX e, daquela, o idioma estaba moi desprestixiado, polo que ninguén o escollía para as súas creacións literarias. Co castelán como lingua da cultura e da clase dominante, Rosalía de Castro foi unha valente por empezar a publicar nesta lingua. 

E ademais, dando a cara. Porque non só fuxían do galego, senón que nesa época era moitas as mulleres que querían escribir e non podían facelo ou tiñan que recorrer a pseudónimos masculinos.

11 colexios en Galicia

xornalescolar_0911_rosalia_01

A figura de Rosalía de Castro tamén é moi importante a nivel educativo. Dada a súa importancia para a historia e a literatura galegas, non podía ser doutro xeito. En toda a comunidade autónoma son 11 os centros educativos que levan o  seu nome: catro na provincia da Coruña, tres en Pontevedra, tres en Lugo e un en Ourense. Sabes onde está? Pois en Xinzo de Limia. 

Pero, ademais, a poeta do Rexurdimento conta nada menos que cun día propio no que tódolos colexios de Galicia celebran a súa vida e obra. É o 24 de febreiro e, cada ano, milleiros de escolares realizan traballos e actividades para seguir celebrando a esta muller eterna e universal.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar