O meu cole chámase...

Saco e Arce

Vida adicada ó ensino

xornalescolar_2704_sacoearce (1)

O núcleo de Alongos, en Toén, foi o lugar de nacemento de Juan Antonio Saco y Arce. Alí pasou os seus primeiros anos, antes de trasladarse ó Seminario de Ourense para cursar os seus estudios. Alcanzada a etapa universitaria, estudou Filosofía, Letras e Teoloxía en Santiago de Compostela e adicou a súa vida ó ensino da lingua galega. Pontevedra, Ourense e Castellón foron os seus destinos laborais, que culminaron no ano 1863 cando tomou posesión da praza no Instituto de Ourense. Porén, as súas conviccións políticas apartárono do ensino ata a chegada da Primeira República. Viviu entre os a nos 1835 e 1881. 

Pai da lingüística galega

xornalescolar_2704_sacoearce (2)

Aínda que a súa obra literaria abrangueu varias publicacións de poesía, a lingua galega e a cultura popular foron os grandes temas ós que adicou a súa vida. É a Gramática Gallega publicada en 1868 o seu libro máis famoso, pois está considerado o primeiro manual gramatical da lingua. A pesar de que a obra constituía unha primeira aproximación que cos anos se revisaría, contén conceptos en plena vixencia e caracterízase por facer unha análise comparativa do galego recorrendo a linguas coma o francés ou o italiano. Na súa traxectoria publicou tamén traballos relacionados coa literatura popular.

Un colexio e unha praza histórica

xornalescolar_2704_sacoearce (3)

Como non podía ser doutro xeito, Juan Antonio Saco y Arce é o encargado de darlle nome ó colexio público de Toén, onde se imparten os niveis de Educación Infantil e Primaria. Deste xeito, a comunidade educativa ourensá réndelle homenaxe a unha persoa que lle adicou a vida ó ensino e que se encargou de defender a lingua galega en cada paso que deu. Do mesmo xeito, a cidade de Ourense tamén ten moi presente o legado do profesor de Toén. Seu é o nome dunha das prazas máis históricas do Casco Vello, próxima ó IES Otero Pedrayo, do que chegou a ser director.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar