Porque estudiar é aprender

Os segredos da festa do Samaín

xornalescolar_2710_samain_05
photo_camera Festa do Samaín en Ourense.

Historia: O día dos mortos

xornalescolar_2710_samain_02

Tanto se celebras Samaín como se prefires a versión anglosaxona do Halloween, tes que saber que o que estás festexando é o día dos mortos. Unha xornada de orixe celta na que se borra a fronteira entre o mundo dos vivos e dos que xa marcharon. E iso era precisamente o que honraban os antergos con esta festa: a transición do día á noite, do verán ó inverno e, en definitiva, dun mundo ó outro. 

Aínda que a festa era orixinariamente pagana e miraba tan só cara á terra e ás colleitas, coa chegada do cristianismo, a festa converteuse no Día de Tódolos Santos, previo á xornada dos Fieis Defuntos. Con compoñente relixiosa ou sen ela, o certo é que o final do mes de outubro mira cara ó máis alá.

Foron os irlandeses os que a exportaron a Estados Unidos e a cultura popular, difundida a través do cine ou a televisión, encargouse de facer o resto. Seguro que esta semana no teu colexio xa estades listos e cos disfraces preparados para un día de medo pero é importante que saibas que a festa que estás celebrando ten miles de anos de historia.

Etimoloxía: A fin do verán

xornalescolar_2710_samain_04

Algunha vez oíches falar do idioma gaélico? É a lingua propia de Irlanda, a que existía antes do inglés. E dela vén a palabra “Samhaín”, que non significa outra cousa máis que “a fin do verán”. 

Por outra parte, a palabra “Halloween” é a evolución da frase “All hallow’s eve”, que como traducción literal ten “Véspera de Tódolos Santos”. Xa ves que a orixe dos nomes desta festa tan popular describe á perfección cando e por que se celebra.

Personaxes: Jack-o’-lantern

xornalescolar_2710_samain_03

Se hai un personaxe típico da festa de Halloween e do Samaín é “Jac-o’-lantern”. Ó mellor o seu nome non che soa, pero estás moi acostumado a velo. É o típico cabazo tallado cunha cara terrorífica ó que se lle mete luz dentro para darlle un toque aínda máis de medo.

Segundo a tradición orixinal da festa, colocábase nas portas das casas para espantar ó demo. Co tempo tense ido convertendo nun icono, variando a súa forma e mesmo hai concursos de cabazos do máis orixinais.

Gastronomía: Pratos do mundo

xornalescolar_2710_samain_01

Igual que a festa foi evolucionando nos diferentes países do mundo ós que chegou, con ela fóronse arraigando tamén certos costumes gastronómicos e cada un ten os seus pratos típicos para celebrar o día dos mortos, aínda que todos coinciden en empregar productos desta época do ano. 

En España, por exemplo, os máis comúns son os buñuelos de vento, os ósos de santo e, por suposto, tamén as castañas. Aínda que esas mellor reservalas para o magosto, que xa logo vén. En Irlanda é habitual comer nestas datas “colcannon”, un prato elaborado a base de col, mentres que “pan de morto” é o que comen en México. E en Estados Unidos? Os cabazos, claro, pero tamén as mazás caramelizadas e moitas moitas chucherías.

Curiosidades: Por que nos disfrazamos?

xornalescolar_2710_samain_05

Outra das cousas que non pode faltar nunha boa celebración de Samaín son os disfraces. Hai datos recollidos polos romanos que apuntan a que as antigas tribus que habitaban o que hoxe en día coñecemos como Francia ou Alemaña, vestían en ocasións cabezas e peles de animais. O obxectivo deste costume tan estrano non era outro que poñerse en contacto cos espíritos dos seus defuntos. Outros optaban por pintarse de negro e facer de espíritos malignos. Sónache? Pois de aí ven a tradición de disfrazarse para celebrar Samaín ou Halloween. Lembra que o obxectivo final de todo é renderlle culto ós mortos. Ó igual que o resto dos compoñentes desta festa, tamén o tema dos disfraces evolucionou e hoxe ninguén leva -afortunadamente- cabezas ou peles de animais. No seu lugar temos momias, zombis, monstros… Calquera cousa que dea moito medo. E ti, xa sabes de que vas ir?

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar