De que se fala

Tesouros que nos contan o noso pasado

vds

É a palabra que máis usei ao longo da miña vida laboral e a que na actualidade, desde a miña humilde opinión e a miña experiencia, menos valor se lle dá, aínda que é certo que non podo xeneralizar. Pero… o patrimonio, é un fondo para un selfie bonito ou é algo máis? 

Se falo de patrimonio neto, o caso que se lle fai é maior, claro, estamos a falar de cartiños, pero non é do que vou falar. Eu vou falar de Patrimonio Histórico. Historia? Pero… a historia é aburrida, pensaredes algúns. Non vos vou a quitar a razón. Nalgúns casos si é un tostón, pero tamén é certo que depende de como cha conten e do valor que cada un lle engada. 

O patrimonio histórico é un legado que nos deixan os nosos antepasados e nós habémosllo de deixar aos nosos descendentes, é algo que nos prestan e debemos difundir, pois coñecéndoo, protexerémolo e perdurará. Pero xórdenme preguntas: Verdadeiramente coidámolo? Dámoslle o valor ou a protección que se merece? Mostramos con orgullo aos nosos descendentes o seu patrimonio? 

Algunhas frases ou feitos que escoitei ou vin e que me fan repensar as cousas unha e outra vez son:

- “Visto un castro, visto todos?” E eu penso entón se vivimos nunha cidade ou visitamos calquera cidade, xa as vimos todas?

- “Pagar por ver pedras vellas!” E eu penso: É moito pagar 2€ por “ver” o legado dos nosos antepasados e que iso repercuta na súa conservación e difusión? 

- “Só é un par de pedras, pon, non pasa nada! “ E atopámonos cun espazo cheo de monólitos de pedras que non só causan danos na natureza, senón tamén nos bens patrimoniais (no noso legado). Para exemplo un botón, como se adoita dicir. Só tes que mirar o xacemento de O Facho, en Cangas, ou o Castro de Baroña en Porto do Son ou no Camiño de Santiago, e podería seguir. 

-  Pintadas, grafitis ou corazonciños (e non bos) en igrexas ou bens patrimoniais. 

Podería seguir dicindo frases que escoitei ou cousas que vin que poñerían os pelos de punta a calquera persoa cun pouco de sensibilidade polo patrimonio.

Cada pobo en Galicia esconde tesouros que nos contan o noso pasado, as nosas orixes, “penedos dás mouras”, “contos de vellas”, apeiros de labranza, a casas dos avós, igrexas, fontes, lavadoiros… algúns están a desaparecer, ou caendo no esquecemento e nunca máis… Os nosos descendentes non poderán saber deles. E se empezamos a transmitir ese amor polo legado que nos deixaron dunha forma amable e próxima, sobre todo, aos máis pequenos?

Vou dar algunha idea para poder evitar no futuro as frases ou feitos que tanto dano fan ao noso patrimonio, empecemos nas nosas casas ou na nosa contorna máis próxima: 

- Revisa, por se aínda queda gardado algún apeiro do traballo no campo (un carro, unha fouce, un sacho…) ou dalgún oficio (zapateiro, carpinteiro, toneleiro…) Estes obxectos cóntannos moitas historias, cóntannos como era a vida antes nas aldeas onde o veciño era parte da túa familia, do traballo en comunidade. Non os deixes desaparecer esquecidos e podrecendo. Podedes crear o voso pequeno museo, ben co obxecto ou con fotografía. Para describir a súa función teriades que falar coa xente que os usou, se cadra sopréndevos o que descubrides. (Este proxecto podemos realizalo en clases). Se xa non atopades estes obxectos da nosa historia nas vosas casas, recoméndovos visitar o Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, ou máis preto, o Museo de Etnolóxico de Ribadavia, ou o de Loiro, ou o Museo dá Limia en Vilar de Santos, entre outros pequenos museos que adoitan pasar desapercibidos ou simplemente son descoñecidos. 

Profesores anímovos a telos en conta nas vosas excursións pois estes pequenos museos gardan a esencia do noso pasado e adoitan resultar moi interesantes aos máis pequenos. 

Para os amantes dos carros tradicionais coma min (canto boto de menos ese son!) está este precioso documental: “O carro e o home” de Antonio Román e Xaquín Lorenzo (1940).

Irei dando máis opcións para coñecer e gozar cos máis pequenos do noso patrimonio que é como di un amigo meu: “moi rico e moi abundante como o cocido galego”, pero para degustalo teredes que facelo con calma e saboreando cada cullerada, senón podería darnos unha indixestión.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar