Cada época do ano ten as súas cousas. O verán trae consigo as vacacións, a chegada do mes de febreiro adoita asociarse co Entroido, o Nadal marca o inicio do inverno, as primeiras flores significan primavera e o mes de novembro está protagonizado por unha festa, un froito e unha tradición. Os magostos chegaron ós colexios de toda a provincia introducindo as castañas nos menús de nenos e profesores, que se reuniron para celebrar esta senlleira festa.
Os centros educativos ourensáns non quixeron deixar de celebrar un evento tan agardado como divertido. Os patios foron, na súa maioría, os escenarios elixidos para festexar o outono. Como é habitual, os equipos dos colexios organizaron unhas merendas moi completas animadas con música e, en moitos casos, xogos populares. Os pequenos non se fixeron de rogar e entraron de cheo na festa pintando as súas caras coas cinzas das fogatas, poñendo a asar os chourizos, saboreando as castañas e, sobre todo, formando parte desta ancestral tradición, á que nin o frío nin a choiva son capaces de facerlle fronte.
Os magostos continuarán en colexios, asociacións veciñais e grupos de amigos no que resta de mes.