Cartas al director

Reflexión sobre 
os xornais

“Dende hai meses a lectura dos xornais provócame unha sensación de impotencia. Impotencia pola inxustiza e o doble raseiro para medir as accións da xente traballadora e dos señoritos ou, o que é o mesmo, dos que nos vimos obrigados a emigrar hai xa moitas décadas e dos que se quedaron aquí para enriquecerse roubando.

A vida dun emigrante en Centroeuropa consistía en traballar seguido polo día para gañar o máximo posible e mandalo a España, estudar o idioma polas noites e, no mes de vacacións, correr á terra para, aí si, gastar o que correspondese e, ao marchar, de novo facer aquí gasto levando para aquelas terras frías o máis e o mellor da nosa terra. En resumo, traballar fóra ata a extenuación e mandar diñeiro para este país, para xerar riqueza aquí. Ben o saben os banqueiros que hai décadas perseguían aos emigrantes galegos en Europa para captar os seus cartiños!

Agora quen nos persegue é Montoro, empeñado en tratarnos como delincuentes, ameazando por carta, poñendo multas... Que fácil é perseguirnos a nós, os emigrantes retornados, os que tivemos que marchar de Ourense porque aquí non podiamos vivir? Fomos nós os que botamos o país á ruína? Ou foron os traxeados, os corruptos, a xente ben que non estivo, precisamente, na emigración? Será posible tanta inxustiza?

Que nós temos que pagar? Vale! Por que non? Que o país anda mal e todos temos que axudar? Pois si. Pero todos por igual! Que me cobren en Alemaña, vale, porque me pagan eles. Pero que me cobren aquí cando é diñeiro alemán que vén aquí como riqueza para o noso país! Non se entende.

A maior gravidade está, de novo, nos emigrantes de máis idade, os que máis sufriron fóra e que agora se atopan con cartas ameazantes e con problemas cando pasan dos 80 e dos 90 anos. Moitos, ademais, son a única fonte de ingresos para as súas familias neste Ourense e nesta España do señor Montoro e compañía.

Que fácil é roubarlle aos pobres para enriquecer máis aos ricos! É certo que con unidade os emigrantes ourensáns e galegos temos conseguido algúns éxitos, pero estas actitudes doen terriblemente. É posible tanta inxustiza?