Tania Pérez chegou a Barcelona para continuar os seus estudos de Farmacia.
Como chegaches a Barcelona?
En principio viñen por un intercambio para facer as prácticas da carreira. Finalmente acabei cursando un máster de Investigación e Desarrollo de Medicamentos e a partir de aí foi todo rodado. Hoxe en día traballo nunha Oficina de Farmacia sendo a miña especialización a Formulación Maxistral.
Foi difícil a adaptación?
Fíxose un pouco duro deixar todo atrás. O peor foi a sensación de deixar de formar parte da túa rutina diaria e sentir que estás perdendo todo o que pasa no teu entorno. Aínda así os primeiros meses aquí foron todo estímulos. É unha cidade cunha actividade sociocultural moi potente e sempre hai múltilples distraccións que che fan sentir un pouquiño máis vivo. Sempre estas coñecendo xente de distintas procedencias, cada un coa súa historia e iso é bastante motivador.
Percibes moitas diferencias?
O ritmo de vida para min é o mais drástico. Vívese demasiado á présa. Sempre sen tempo, sempre correndo. Cada vez que volto á casa sinto como se os días tiveran moitas máis horas. Ten a súa parte positiva porque nunca te aburres pero ás veces é necesario chegar a ese punto para ter máis tempo para a dedicación personal.
Aparte dos teus seres queridos, que é o que máis botas de menos?
Non sei por onde empezar. Demasiadas cousas. Principalmente a comida e a natureza. A comida ten fácil solución porque como bos pais galegos envíanme deliciosos manxares de vez en cando e temos unha lista bastante densa de bares galegos nos que pegarnos boas paparotas. A natureza e todo o que a envolve é quizais o que máis extraño. As cores, os olores, sentir chover de verdade, os días de néboa que abren á unha da tarde, a montaña, as praias practicamente vírxenes e sen xente, a sensación de pureza que che entra polos pulmóns... Ah! E olvidábame... A xente e súa forma de ser. O riquiños que somos todos.
Que che gustaría traer da vida de Barcelona a Celanova?
Sobre todo que se potenciase e se invertise máis nas actividades socioculturais. Máis espazos públicos no que tanto xoves, adultos e maiores puideran desenvolver os seus proxectos personais ou axudas para levalos a cabo.
Que valoras máis dos cataláns?
Creo que son persoas moi loitadoras. Teñen moi claro que queren facer e por que. Cren moito en si mesmos e valóranse moito. Supoño que nacer nun sitio con tantas oportunidades inflúe. Sentir que e polo que ti queres loitar é posible se te implicas, faiche creer máis en ti.