A Biblioteca de Verín vén de recibir unha doazón anónima de 571 negativos fotográficos antigos que xa están en poder dos responsables deste espazo para a súa xestión e conservación.
Segundo subliñaron fontes municipais logo dunha primeira inspección,ditas imaxes amosan unha infinidade de historias e situacións cotiás que tiveron lugar na comarca de Verín entre os anos 1930 e 1940. En total, trátase de 36 sobres doados á biblioteca e que suman 571 negativos.
Con respecto ao estado de conservación dos negativos, éste é moi diferente segundo o exemplar: algúns deles están en perfecto estado, mentres outros teñen difícil arranxo. Neste senso, os responsables da biblioteca traballarán para acondicionalos do mellor xeito.
Agora mesmo, dende a biblioteca municipal céntranse no proceso de dixitalización e salvagarda do material, así como na realización de varias probas de limpeza de negativos, con resultados que están siendo "moi interesantes", tal e como aseguraron dende o Concello de Verín.
Todos estes traballos estanse levando a cabo en colaboración coa fotoreporteira, xa xubilada, Flor Fernández, amiga e colaboradora habitual da Biblioteca de Verín.
Os estudos de fotografía responsables dos revelados dos negativos son, a maioría, de Ourense aínda que en moitos deles non consta o nome dos propietarios que rexentaban os establecementos naquelas décadas.
Segundo destacaron desde a dirección da Biblioteca, "esta doazón supón unha importantísima aportación aos fondos locais das nosas instalacións".
Non é o único traballo de investigación e dixitalización de arquivos que, nestes intres, se está levando a cabo na biblioteca. Destacan, nesta liña, as investigacións da correspondencia de Xesús Taboada Chivite.