A Policía Local de Celanova adhírese ao sistema VioGén contra a violencia machista

10.68.110.185-archive-2020-03-22-ma_2020_03_22_1193
photo_camera Antonio Puga, alcalde de Celanova.
Os axentes disporán de maior información sobre todos os casos de violencia machista para o seu control

O Concello de Celanova e a Subdelegación do Goberno en Ourense ratificaron a incorporación da Policía Local deste municipio ao sistema VioGén de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do alcalde, Antonio Puga Rodríguez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.

A Xunta Local de Seguridade aprobou o protocolo de convenio que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio do Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema VioGén, facendo efectiva desta maneira a participación de Celanova neste operativo.

Con esta nova adhesión a provincia de Ourense conta con sete concellos incorporados ao sistema VioGén: Barbadás, Celanova, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia. 

Este sistema permite que a Policía Local dispoña de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio, asumindo o seguimento e control dalgúns destes casos.

En Celanova hai activos no sistema VioGén seis casos deste tipo, dos cales tres presentan risco baixo e tres presentan risco non apreciado, dos restantes encárgase a Garda Civil. 

Te puede interesar