O servizo municipal de recadación do Carballiño comezou a remitir ós veciños da parroquia de Arcos as notificacións pertinentes para o abono dos recibos da taxa por recollida de lixo correspondentes ós anos 2016, 2017, 2018 e 2019, o cal causou sorpresa na poboación da terra das pulpeiras.
E elo porque, según aseguraron os veciños, existía un acordo tácito coas autoridades municipais para quedar exentos do pago desta taxa en contrapartida pola cesión ó Concello de terreos do monte comunal para a creación de diversas infraestructuras.
Entre elas, o polígono industrial, o colexio público ou o campo de fútbol, todos no barrio da Uceira, e o edificio do acuartelamento da Garda Civil, xa no límite coa parroquia de Veiga.
"Son acordos que se veñen respetando no tempo, e ata onde puidemos averiguar, existe un acordo plenario do ano 1995 ou 1996 no que advertido o Concello desta situación no pobo de Arcos, decidiuse que se continuase tal cal se actuaba ata ese momento, ou sexa, sen cobrar a retirada de lixo, respectando así o acordado no seu día", lembra Argimiro Marnotes, concelleiro do Partido Popular.
E co fin de coñecer as demandas veciñais, o propio alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, desprazouse ata Arcos e mantivo unha xuntanza con representantes da localidade. O rexedor comprometeuse a estudiar estas reivindicacións, se ben no arquivo municipal "non se deu atopado, finalmente, ningunha documentación nen acta plenaria da Corporación" que recollese o suposto convenio entre o Concello e a parroquia, indicou o rexedor.
En consecuencia, os contribuíntes de Arcos deberán abonar os oito semestres da taxa de lixo correspondentes ós tres anteriores e o actual, o que supón unha media de 34 euros por cada un dos seis meses computados.
Tendo en conta que dende hai máis de 20 anos o Concello non lle pasaba os recibos ó cobro, a decisión do goberno municipal causou certo malestar na parroquia, "pero estamos dispostos a pagar, se é certo que non hai ningún documento que probe que estamos exentos desta taxa", apuntou Antonio Fernández, un dos afectados.
Cabe lembrar que, nos inicios dos anos 70 do pasado século, o Concello carballiñés enaxenou parte do monte comunal de Arcos para a construcción do que sería o actual colexio público da Uceira, inaugurado en 1973, e, unha década despois, tamén comezaría a construcción do polígono industrial e do campo de fútbol, todos eles no barrio do mesmo nome, así como o cuartel da Garda Civil.
Estas ocupacións de terreos foron xustificadas a nivel legal en virtude dun informe no que se declaraban os montes comunais "como de propiedade municipal dende tempo inmemorial", xa que entón as xuntas de comuneiros eran descoñecidas.n