Opinión

Cinco anos sen ti, cinco anos sen vós

Hai cinco anos un frío vento de morte baixou do Montealegre e xeou as rúas de Ourense. Seleccionou os mellores froitos que topou para aquela triste colleita a destempo. Si. Hoxe 5 de decembro de 2015 cúmprense cinco anos da morte de Marcos Valcárcel. E non fixo o Marcos só a derradeira viaxe: unhas horas despois marchaba o Pepe Trebolle que tanto empurrou a súa cadeira nos últimos meses e que contestaba entre dentes, saudoso, e cun sorriso amargo, “xa me gustaría”, cando lle preguntaban se era seu fillo o da cadeira de rodas. E non se cumpriran as oito semanas cando foi canda eles o gran Benito Losada, que asistira atónito á morte dos dous colegas, ventando o que presumía inevitable. Todos tres amigos meus, e todos tres amigos entrañables entre si. Tanto que a casualidade fixo que o fado os traizoase a un tempo.

Chorei, e non só eu, un día calquera, nun reencontro procurado na Residencia Sanitaria de Ourense, no que o Marcos ía derreado na súa silla e o Benito estaba xa encamado, iniciando tamén o final da prórroga do partido da vida. Logo, mentres o Marcos se apagaba nun hospital, o Pepe seguíao noutro. Días atoldados aqueles que gravaron lembranzas pétreas, nos ánimos, nos corazóns de moita xente.

Si. Estes tres amigos, compañeiros de angueiras cidadás, de risas e viños, de proxectos e ilusións, cada un desde o seu posto de mando, dinamizaron a vida cultural de Ourense durante lustros. O Pepe no goberno da aula de Cultura de Caixa Galicia tiña aberto o despacho e o ánimo a cantas actividades se quixesen impulsar desde a defunta Aula de Cultura da rúa do Paseo. O Benito Losada creou e pilotou maxistralmente por décadas, unha Casa da Xuventude, viveiro de iniciativas culturais, Casa de Cultura sen nome, que non deu seguido sen el, sen o seu pulo aberto, creador e integrador.

E o Marcos... o noso capitán, suxerindo ousados avances aquí e alá, impulsado sen pausa, a secuencia lóxica de reflexión > idea > inciativa > proxecto > realidade, á cabeza dun batallón de vangarda do exército iluso da cultura galega. Houbo posicións máis fáciles e outras máis difíciles de tomar. Era complicado pero había vontade. Había traballo. Había esforzo. Había ilusión. Había estratexia. Charlas, simposios, congresos, exposicións, xornadas, homenaxes vivas, prensa, “As uvas na solaina”, libros, libros e máis libros. Todos acudían á túa chamada. Eras, Marcos, o contacto imprescindible nas terras aurienses cando algunha novidade debía escorregarse ata o pé desta Burga da que coñecías os seus bafos, os seus sulfuros, os seus pasados reais ou soñados. Si. Houbo un tempo, ese tempo do que falo, en que na cultura galega, era Santiago en Compostela e Marcos en Ourense.

Que como van as cousas por aquí? Pois que che direi, que vos dicirei. As cousas van indo así e asado. Do dereito e do revés. Tecendo e destecendo, Penélope. Un paso adiante e outro atrás, Ourense. Se Blanco Amor levanta a cabeza... arregalaría os ollos e afiaría a súa lingua. O seu ferrete de tabao espetaríase sobre o lombo do cabalo domado da cidade e da provincia, para ver de espertala do seu sono, fogar da molicie e da desidia. Si. Ourense está hoxe precioso, cheo de brillantes e esperanzadas luces de Nadal, pero tamén hai sombras... Inmensas sombras, como o oco que deixastes, meus amigos.
 

Te puede interesar