Opinión

Bandeiras e bandas

A verdade é que as bandeiras non me atraen especialmente. Non creo que me dedique á vexiloloxía nunca. Pero tampouco me incomodan. Sonme útiles, si, as das gasolineiras porque me dan pistas onde podo encher o depósito cando ando escaso de combustible, e as españolas e galegas porque me indican onde está esa oficina que ando buscando e non sei ben onde é. Teño oído, aínda que me cae lonxe o tema, dun club de alterne que indicaba con bandeiras na entrada a nacionalidade das chicas que tiñan. Claro que este non deixa de ser o sentido orixinal destes coloridos trapos rectangulares: dar noticia aos demais da presenza de algo coa axuda imprescindible do vento. Porque non me negarán que hai grande diferenza estética e de identificación entre unha bandeira fláccida, apouvigada, aburrida, paralela á hasta e outra ondeando –facendo ondas- ou flamexando –movéndose alegre como as chamas do lume-. Pero ás veces, de tanto flamexar non é que ardan ou incendien sentimentos, pero si, seguro, acaban por esfiañarse os panos. E entón, cando pasa o vento, a aparencia é patética: unha bandeira esgazada nos bordes e fláccida non provoca nin indica nada.

En fin que as bandeiras, como o seu nome indica, serviron para marcar bandos e bandas... e non sei se bandidos, de cando en vez. Estes días volven estar de moda porque á natural convivencia institucional nos concellos de bandeiras galegas, españolas e europeas –os nosos tres niveis de identidade matrioska século XXI- saíronlle emendadores que dunha forma irresponsable –ao meu ver, claro- se decidiron a retirar unha delas, neste caso as europeas, por non compartir unha iniciativa que á fin non se chegou a concretar. E estas cousas son perigosas. Porque a xente ten, curiosamente, en moito aprecio emocional este subsector da industria téxtil, sen darse conta, seguramente, de que sexan unhas ou outras bandeiras, todas son “made in China”. Pero os sentimentos non. En fin, lembramos todos que o ínclito Zapatero, con non levantarse ao paso da dun país aliado –á sazón o máis poderoso do mundo- arrastrou á mala fama o noso país naquelas terras e foi un dos puntos de comezo da, digamos, deriva. E tamén lembramos as queimas de bandeiras e as guerras de bandeiras no País Vasco e, outrora, máis preto de nós. Pois paréceme alucinante que unhas autoridades locais se decidan, como diciamos, a retirar unha bandeira –ou sexa facerlle un insulto obvio ao que ela representa- por non estar de acordo cunha iniciativa desenvolvida nese nivel de xestión. Si son coherentes, debían retirar a galega cada vez que a Xunta faga algo que non lles entre polo ollo, a española cando aconteza outro tanto... Que é case sempre, por certo. E cando as reporían? Agora que a comisión dixo que nada de expulsións masivas de refuxiados, volverán ondear? Desde logo é ben máis fácil meter a pata que sacala. Ás veces dá a impresión de que en moitos concellos dominados pola “nova política” lles é máis fácil facer happenings e conseguir titulares para a súa banda, que resolver problemas: é a política da xesticulación, en vez da de xestión. Pero o que resulta sorprendente é que o fagan, xogando ao arrimado, alcaldes do partido que tivo influentes comisarios europeos, como Pedro Solbes ou Joaquín Almunia, ata hai pouco. Alguén anda despistado. Se cadra eu. Pero creo que non.
 

Te puede interesar