Opinión

Carlos Casares, a mellor escola

Obviamente alégrome moito da escolla da Real Academia Galega para que Carlos Casares ascenda xa ao santoral cívico dos homenaxeados no Dia das Letras Galegas de 2017 e coincida así coa vox populi que o ten neses altares desde o momento mesmo en que deixou este mundo dos transitoriamente vivos para ingresar no dos eternamente mortos. E está ben que sexa agora, cando os ecos da súa vida son aínda fortes e intensos, e aínda pairan no aire da memoria compartida, lembranzas vivas da súa persoa, dalgunha charla concreta, dalgún artigo especial que nos fixo sorrir, máis alá da transcendencia da súa literatura e da súa acción como xestor cultural. No fondo, os anos transcorridos da súa morte cando se lle dedique o día, quince, son aínda menos que os vinte anos que dicía o tango que non eran nada. Si. Parécenos aínda que o poderiamos atopar dando un volta polo Paseo charlando con Julio Losada, por exemplo, ou tomando un café no Monterrei de Baiona con Torrente Ballester, ou nos amplos espazos do Consello da Cultura Galega en Raxoi, ou nos reducidos da Editorial Galaxia, en Reconquista 1, Vigo. Pero o tempo pasa, inexorable, e eses amigos citados, e tantos outros, están xuntos de novo, fumando os seus puriños e charlando aos postres dun xantar calquera da eternidade. En fin, desque cumpriu a condición sine qua non de levar morto dez anos, sempre andaba no ruxe-ruxe dos candidatables ao Día Grande da Cultura Galega por parte da xente común, e este ano concretouse na vontade académica.

Agardábase por unha ocasión especial, dicíanme, e creo que son chegados os tempos: ante un certo desacougo xeral, é bo invocar a afabilidade, o savoire faire de Carlos. Nada lles vou lles vou dicir hoxe de Carlos Casares escritor ou da súa biografía (á parte de insistir en que naceu en Ourense e non en Xinzo) porque moito se ha dicir nos próximos meses, pero permitireime argumentar a bondade da escolla non só nas cuestións intrínsecas á súa obra senón nas circunstancias que rodean á súa actitude aberta, optimista, exemplar; faro de compromiso pola eficacia nestes tempos avoltos.

É certo que Carlos Casares foi considerado a cara amable do galeguismo e o enlace entre os vellos persoeiros e os novos tempos. Por iso era apreciado por moitos, pero tamén por iso, os partidarios do vivir malencarado, tivérono como obxectivo número un dos seus ataques. Conveñamos en que a editorial Galaxia foi o rexo buque insignia do galeguismo posibilista e atractivo e que el foi o capitán que soubo pilotar a nave nos mares do Tempo Novo, termando da Idea desde posturas abertas e integradoras e facendo evidente que a promoción cultural estaba lonxe da unívoca asimilación política ao nacionalismo. Por iso, obtivo a malquerenza duns poucos, e por exemplo, o boicot no Premio Lousada Diéguez, creo que de 1988, por parte de militantes do case extinto Bloque: aquí os trouxo o viviren co fociño revirado. Pero tamén por iso mesmo, polo exercicio da normalidade vital de Carlos -a única forma da normalización posible- na súa literatura, no seu xornalismo, foi amado polos lectores. O gato Samuel converteuse nun tenro símbolo da normalidade comunicativa da lingua galega escrita.

E si, nestes tempos avoltos, no político, no social, no cultural, sen dúbida convén potenciar desde o mundo dos amadores de Galicia, da xente e do mundo, ou sexa da vida, esa cortesía, amabilidade, tolerancia, tesón, savoir vivre, esa ironía e compromiso áxil que nos soubo transmitir Carlos. Estamos de noraboa en Galicia. Pero en Ourense, máis.

Te puede interesar