Opinión

O discurso do rei

O actor Collin Firth bordou o papel do rei tatexo que gañou o cariño do pobo e gobernou Gran Bretaña co nome de George VI. Unha desas películas que honran o xénero histórico, forma lúdica e válida para achegarse ao pasado. Ese rei -fumador compulsivo- acabou morrendo de cancro de pulmón o 6 de febreiro de 1952. E contaba con moita graza don Xoaquín Lorenzo que, ao día seguinte, un coñecido vendedor de xornais voceaba polo Paseo: “Morreu Jorge bi, morreu Jorge bi”. Non sabía moito de díxitos romanos e líaos como se fosen un uve seguido dun i. O mesmo ocorreu nas proximidades dun amigo, nunha oficina, que sentiu como un home declaraba vivir na rúa “Alfonso equis, o Sabio”.

Pois si, hoxe xa temos de rei a Felipe bi. Un monarca con nome de coñac, pois non me negarán que se podemos pedir un Carlos I, Carlos III, Carlos V, un Felipe II ou mesmo un Duque de Alba ou Cardeal Mendoza, parece que tamén nos poderiamos achegar á barra e ollando as copas globulares, pedir: “Un Felipe sexto, por favor”.

Pero non lles é broma. Eu, que me recoñecín nun dos meus últimos artigos “lixeiramente monárquico”, débolles confesar que agora, despois de visto o visto e escoitado o escoitado, sono un pouco máis. Cóntolles. Por estas marabillas da tecnoloxía moderna, hai uns días escoitei e vin o discurso do novo rei no Youtube, porque cando o pronunciou andaba eu polo aire. E o que vin e oín, dígoo con sinceridade, gustoume. E as dúas ou tres veces que lle saiu voz de pito non lle quedaron mal. A xente, nestes tempos de sabichóns falabaratos televisivos –penso no carreirón que podería ter feito o Mario, vello charlatán do Ourense antigo- entende ben, creo, a autencidade, mesmo que un engarre de cando en vez. O discurso foi elaborado, fondo, serio, conciliador, firme, con poca palla. E algunha referencia sorprendente e con intención. Machado, Castelao, Espriu e Aresti. Fenomenal convivencia. E a cita do Quixote (“no es un hombre más que otro si no hace más que otro”) tamén me cobizou.

Sei ben que a defensa de que alguén exerza un papel moderador sen pasar polas urnas, parece raro. Pero pensen nas ventaxas prácticas, porque teorías e baduar veñen sendo da familia. A primeira, a obrigada neutralidade. Un presidente Aznar ou Felipe González –os únicos con posibilidades de o seren- cre vostede que tenderían a ver e xulgar as cousas máis ou menos neutralidade que Felipe VI? Se estivesen próximos aos seus partidos, a xefatura do Estado carecería de papel moderador intermediador e sería redundante coa do Goberno. Outra vantaxe é que de eleccións estamos cheos: municipais, autonómicas, españolas e europeas. Chega ben. O árbitro, pois nun papel distinto, non de xogador. E a asimetría con América. Un rei é unha cousa que se sitúa noutra esfera e une ao pasado común, aos devanceiros dos que alí gobernan. Pois fóra Evo Morales, son case todos descendentes directos de españois. Non hai máis que lles mirar á cara e aos apelidos: Varela, Santos, Pérez, Fernández, Peña, Hernández, Sánchez, Ortega, Medina, Solís, Mújica... E como excepción, Bachelet, de familia francesa; Rouseff, de familia búlgara, ou o peruano Ollanta Humala, de familia liante e para esquecer. Como fixo o rei coa súa irmá e cuñado golfo. En fin. Notable alto.

Te puede interesar