Opinión

Empresas corruptas

Averdade é que creo que a inmensa maioría dos políticos son xente honrada que traballa polo ben do colectivo e á quen lles gusta máis que os cartos, o lexítimo recoñecemento das xentes que representan. Ninguén debe supor que Xesús Vázquez, Vázquez Barquero, Armando Ojea ou Martiño son menos honrados ca min por estaren eles na primeira liña de acción politica. É un problema de valor para dedicarse ao que ten máis valor moitas veces sen pensar no custo económico e persoal. Calquera bo profesional gaña máis na empresa libre que nun normaliño cargo político, no que ademais está exposto a un innobre exhibicionismo obrigatorio. Exhibicionismo dobre, mediático que lle couta a súa privacidade cotiá -tomar un viño sen que o miren- e impúdico exhibicionismo económico baixo a sospeita de presunta culpabilidade permanente. A ver a santo de que ten un que dicirlle ao público se ten un piso na praia comprado, un monte en Cudeiro herdado, ou unha vespa de segunda man regalada. Sei que hai políticos pouco honrados, como fontaneiros, profesores, chapistas, empresarios, obreiros e todo aquela profesión, oficio ou cargo desempeñado por humanos. Sei que moitas persoas usaron e usan a actividade política antes de demostraren a súa valía ou capacidade na xestión particular como pura vía de medre persoal interesada.

Para os políticos corruptos, e para as debilidades humanas con cazo, máxima dureza, extrema. Pero onde me parece que deberiamos ser radicalmente inflexibles é coas organizacións criminais e con aquelas que teñen departamentos especializados en delinquir. Entre as primeiras, claro, narcotráfico, trata de persoas, etc. Aí xa o Estado se esforza en reprimilas. Pero as segundas son esas legais que teñen departamentos ao cargo de persoas de confianza, encargadas de buscar as debilidades dos políticos que exercen decisións que os poden favorecer -chámense estas debilidades Rólex, viaxes, bolsos, mulleres ou o que sexa- para subornalos con efectivo ou facérenlle agasallos envelenados. E estas hidras empresariais, cos seus departamentos legais especializados en cambiar de pantalla, crear e descrear empresas transitorias, encerrovellar as cousas, son impasibles á historia. Pode saír gratis o corromper a persoas no seu único beneficio? Parece que si.

Lembrábame destas cousas o outro día a propósito do roubo do meu coche, iso crin porque non me deixaron indicación ningunha, nin na sede da grúa me souberon dar resposta inicial. O caso é que despois de deixalo catro minutos un sábado de mediados de xullo ás nove da mañá, sen tráfico ningún, nun vacío carga e descarga da av. da Habana, para recoller unha documentación médica nunha clínica da zona, e despois de desprazarme, taxi mediante, a Seixalbo en busca do vehículo raptado, vin, para o meu pasmo, que as grúas levaban un letreiro que anunciaba o nome dunha empresa ben coñecida para o que siga os casos de corrupción municipal por toda Galicia: “Vendex”. Para ser máis exactos “Grupo Vendex”. O nome, por outra parte, non aparecía nos papeis que me entregaron previo pagamento da extorsión duns 84 euros -falo de memoria- pola retirada do vehículo. Imos ser máis duros co político a quen lle pon unha denuncia calquera inimigo persoal ou público -temos o caso de Aurea Soto presente- que cunha empresa multiinvestigada polos seus regalos corruptores aos politicos? Seica si.

Dóenme máis eses 84 euros que se mos sacase a punta de navalla, de noite, nunha rúa escura, outro desgraciado calquera, sen entramado empresarial detrás.
 

Te puede interesar