Opinión

Filgueira Valverde, 2015

As Letras Galegas 2015 para don Xosé Fernando Filgueira Valverde son unha moi boa noticia. Como dicía don Xesús Alonso Montero, el e Otero son os dous grandes polígrafos das letras galegas do século XX. Un sabio. E máis que a súa obra de creación literaria, apreciable, destaca o seu compromiso de traballo activo e ilusionado en todos os momentos que lle tocou vivir. Levaba el conta miúda: publicou 2.136 artigos e libros e interveu como orador en 4.533 actos. Na súa mocidade compartiu tertulia con Lousada Diéguez e impulsou a fundación do Seminario de Estudos Galegos, en 1923. Tivo daquela tratos cos persoeiros de diversas xeracións e ideas... Parece que foi el quen redactou “Ideas que defende e fins que se propón o Partido Galeguista” fundado en Pontevedra, a finais de 1931. Descontento coa aproximación á esquerda na época da radicalización política despois da insurrección de Asturias, promove o grupo democrático e socialcristián Dereita Galeguista, desde o que traballou en pro do Estatuto.

Na guerra, fácil lle tería sido exiliarse en Estados Unidos, de onde lle chegaban xenerosas ofertas de universidades por intermedio de Emilio González López, pero optou pola posición máis difícil: o doloroso achegamento ao bando vencedor para tratar de facer o posible en calquera circunstancia e axudar aos amigos –con Bóveda foi imposible- e manter acesa a chama da cultura. Asumiu, consciente e con fonda resignación cristiá, o custo humano que tiña esa opción. O seu foi un esforzo calado e permanente. Coa publicación, modesta, do “Gaiteiro de Lugo”, co impulso ao Museo de Pontevedra, coa fundación de editoriais... Sen el, non tería sido posible salvar o fondo documental de Castelao, hoxe en Pontevedra; sen el non existiría Bibliófilos Gallegos –lembremos que en 1949 publican “Camiños do Tempo” de Cabanillas e lle dan un premio a Carballo Calero pola novela “A xente da Barreira- antes da fundación de Galaxia. Sen Filgueira sería imposible salvar o que se salvou do Seminario de Estudos Galegos, a través da súa reconversión no Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e onde lle ofrecería traballo a Ramón Piñeiro en canto saiu do cárcere, en 1949. Sen el, non existiría a revista Cadernos de Estudos Galegos (1944), continuadora dos Arquivos do Seminario. Sen el, seguramente, non se tería recuperado a Casa de Rosalía, nin habería as misas galeguistas o 25 de xullo, nin tantas outras cousas. Foi alcalde de Pontevedra, si, e cometería os seus erros. Propiciou a montaxe da celulosa porque creu que crearía postos de traballo e saída ao sector forestal, pero non preveu o impacto ecolóxico.

En fin, cando chega a autonomía, con 76 anos, acepta ser o primeiro conselleiro de Cultura do seu amigo Xerardo Fernández Albor, e entre 1990 e 1996 foi o presidente do Consello da Cultura Galega, época na que trasladou a institución dun piso na rúa do Vilar ao Pazo de Raxoi. Neses anos, mantiven fluído e frutífero trato con el, prolongando o que tivera coa miña familia. Satisfacción de continuidade, lía eu no seu trémulo sorriso e nos seus ollos de curuxa boa.

Te puede interesar