Opinión

Flores e foguetes

Sonlles un dos moitos usuarios cotiáns, lento iso si, dos paseos da beira do Miño. Ou tiro para Oira ou cara a Outariz e, depende do día, chego máis alá ou menos. Un par de veces fun por un lado e volvín polo outro. Todo en función do tempo que teña. Estes paseos, sabémolo todos, son un marabilla. Unha intervención sobre un medio degradado levou á modificación para mellor das pautas de vida dos ourensáns. Quen nos ía dicir nos anos setenta que paseariamos como facemos polas beiras do Miño, Loña e incluso Barbaña! 

Ver a cantidade de xente diversa, de toda idade e condición, que pasea, corre, anda en bicicleta por estas vías, pon a un contento do moito que melloraron as cousas. E desde este verán, dentro do ben coidadas que en xeral están estas beiras, hai unha novidade ben fermosa e que merece que felicitemos aos que levan o tema de xardíns do Concello. Trátase dunhas matas de flores que hai na beira superior do camiño desde a Ponte Vella cara a Ponte do Milenio, na zona do Ribeiriño. Preciosas. Parecen silvestres, aínda que fosen de semente botada, terra remexida e alimentada e rego controlado. Realmente a combinación de floriñas de cores de nome descoñecido para os leigos que só sabemos o nome de media ducia, resulta realmente atractiva e o comentario xeral transmítese pola olladas aloumiñadoras que lles dedica a xente. Felicidades, pois. 

Pero, todo ten o seu pero, coincide aproximadamente cun traxecto cheo de anacos de plásticos esparexidos polo chan. Restos pirotécnicos. Carcasas de foguetes, estralantes ou cousa parecida. Refugallo dos fogos artificiais das festas de Ourense. A verdade é que non mo explico. Creo que o traballo dos fogueteiros non debe rematar coa última palmeira xigante e a bomba dese estourido que fai tremer cristais e peitos. Aí pode acabar para os miróns que poden deixar as beiras do Miño e marchar para a casa ou tomar algo. Pero non pode ser a fin de festa para os que se encarguen do asunto, pois, miren que cousas, non estaría de máis que deixasen o terreo tal e como o atoparon. Ou sexa que como se dá a casualidade de que en Ourense os plásticos teñen o mesmo comportamento físico químico que no resto do mundo, non podrecen: haberá pois que baixar o lombo e apañalos. Ou varrelos, ou aspiralos, ou algo así. Menos comelos ou deixalos, calquera cousa. O que non ten moito xeito é que se vaia acumulando a porcaría vez tras vez en vez de recollela. Algúen ten que facelo. E, paréceme que como hai un vello dito, un tanto brutamontes iso si, que di: “Quen coma a carne que roa o óso”, pois eu creo que quen gaña un peso cos foguetes ben podía estar encargado -un par de homes, á mañá seguinte- de apañar o que ciscaron. Non creo que sexa moito máis. A verdade é que dá non sei qué ver todo aquilo sucio, sobre todo cando sería tan fácil de evitar ou arranxar. Que non é o Plan Xeral de Urbanismo ou a asistencia a domicilio ou un acordo de Pleno. O fácil que sería incluír nas condicións do contrato coa empresa unha cláusula que poña clara a orde: Montar os foguetes, estoupalos, recoller, limpar e cobrar. Ao final. O tema é cousa menor, si, pero non hai asunto pequeno. Di un refrán moi deste tempo: “Unha vella de bagos fixo un moio de viño”. Pois iso, non sexan vagos.

Te puede interesar