Opinión

Galegos no próximo parlamento europeo

Voulles dar xa os resultados electorais da representación galega no próximo Parlamento Europeo. Simplemente repasando os postos que ocupan nas listas. Apostaríame unha botella de Chivas a que saen elixidos os que lles vou dicir.

Polo Partido Popular entrará na Eurocámara o seu número 9, o sr. Francisco Millán Mon, de Pontevedra e cuñado de Raxoi. Lin que xa estaba no Parlamento Europeo pero nunca oíra falar del. O que de partida pode supor que non estou moi atento, que fixo pouco, que lle falla o servizo de prensa, ou as tres cousas combinadas nas proporcións que gusten, aínda que creo que a maior responsabilidade debería ser miña. E polo PP ninguén máis. É imposible que saia a ourensá Carme Pardo que vai de 25.

Polo PSOE entrará Pepe Blanco, exministro, número 10 na lista do PSOE. Aínda que nunca estivera nese Parlamento é moi coñecido e sabe tratar ben a prensa. Teremos noticia continua da súa actividade, pois para contar algo no futuro do socialismo ten que o seu nome seguir soando. E sabe como facelo. Ningún outro sociata desta terra terá escano.

A maior representación, creo, será de la Izquierda Plural (IU con adherencias, tipo Anova). Saíran un por cada rama. Lidia Senra, exsindicalista do campo, nacionalista, moi posta en cuestións agrarias e con ampla experiencia internacional en foros alternativos, entrará de 5 grazas á achega de Anova ao traxe da Esquerda Plural. Tamén entrará, creo, o ferrolán Javier Couso Permuy, número 7 pola propia IU, e cuxo único mérito coñecido é ser irmán do cámara José Couso, morto en Bagdad, amén de ser activista, hoxe, de pancarta e megáfono que non de tribuna e negociación de despacho. E creo que sairá tamén de xeito directo e por toda a lexislatura Ana Miranda, número 2 da coalición Los Pueblos Deciden (ou sexa Bildu, BNG e un refugallo difuso). E creo que lle vai pasar o mesmo que a Anxo Quintana: subir baixando. Ou sexa, o BNG perderá moito, pero sumados os seus devecidos votos aos engradecidos de Bildu, podería darlle ben para eses dous escanos. E se non, a compartir.

Os outros galegos que como tales participan, Compromiso por Galicia, na súa Coalición por Europa (ou sexa CiU máis PNV e Coalición Canaria) terán só presenza testemuñal, e serviranlles as eleccións, se traballan ben, para dar a coñecer a Paulo Carlos López e a nova voz que queren representar no país. Desde logo os tempos son difíciles para que cataláns e vascos saían recadar votos fóra das súas comunidades, pero a política élles así.

A nota exótica son os Piratas de Galicia integrados na Confederación Pirata e cuxo candidato, Fabián Plaza Miranda, ocupa o segundo posto. O nome é simpático pero ten pouca miga. Ten ben máis o Partido X, que lidera o ameazadísimo exinformático bancario Hervé Falciani, aquel que copiou e pasou –ou vendeu- os datos secretos de miles de evasores fiscais europeos a través banca suíza HSBC. Sorte. 

En fin, entre os 54 deputados españois (catro máis que nas anteriores), dos 751 deputados europeos, galegos haberá, se non me engano, cinco. Un do PP, un do PSOE e tres á súa esquerda. Destes últimos dúas mulleres nacionalistas e o irmán de Couso. É esta a realidade sociopolítica do país? En calquera caso, será o resultado democrático. Cousas das listas.

Te puede interesar