Opinión

GRACIÑAS, AMANCIO ORTEGA

Cando hai poucos anos vin as fotos de Amancio Ortega nos xornais crin lembrar a aquel señor normal que baixaba dun coche cargado ata os topes e axudaba a meter mercancía na primeira tenda moderna de roupa que se abriu en Ourense, e da que eu era case veciño. Alí un ?sobre todo unha- podía entrar libremente, remexer, comentar coas amigas, coller as prendas que quixese e levalas ata a caixa para pagar. Sen ter que atender consellos non pedidos e sempre un tanto embarazosos se unha acababa saíndo sen comprar nada. Era unha nova forma de comercio, máis solta, máis libre, máis privada. As mociñas empregadas estaban alí para dúbidas, non para abafar a quen entraba pola porta. Esta nova forma de cultura de consumo combinou sabiamente o lecer do cliente coa negación do ocio de que traballa e serve o negocio. En moitos sentidos era algo paralelo ao que se empezaba a facer tamén nos supermercados de alimentación con eses carriños da compra que viñeron substituír ás idas e vindas dos donos de bata azul nas entrañables e arcaicas tendas e trastendas de toda a vida. Esas que hoxe só poden resistir con especialización en delicatesen variadas. Si, aquela tenda de Zara enfronte das Franciscanas foi todo un fito en Ourense e creo que tamén para a compañía do matrimonio, daquela, de Rosalía Mera e Amancio Ortega. Se non me engano foi a primeira tenda que abriron fóra da Coruña; ou sexa podemos presumir de estar moi desde os comezos, na vangarda da expansión dunha compañía planetaria e coas raíces chantadas en Galicia. Como Pescanova e outras poucas. E doulle as gracias a Amancio Ortega porque cada vez que vou de viaxe e vexo os Zara situados nos centros das cidades sinto un orgullo local, ou sexa hispano-galaico, e a constatación de que é posible facer algo máis que baduar.


Se sabemos facelo, ou sexa se sabemos convertir ideas en iniciativas, iniciativas en proxectos e proxectos en realidades, como soubo Amancio, temos algo que ofrecer ao mundo. E en beneficio mútuo. Ocio e negocio, moitas veces as dúas caras da moeda. A moda xa non só das elites senón no consumo e satisfacción masiva de man de xente galega de opción e adopción. Si. Estados Unidos é Coca Cola. Suecia, Ikea. Francia, Carrefour. Italia, Ferrari. Galicia ?e España, con esta indentidade entretecida- é Zara. Entre outras moitas cousas, claro.


E doulle ás grazas, como creo deben facer todas as persoas con sentido común e de boa fe, porque eses vinte millóns de euros, eses 3.328 millóns de pesetas, esa cantidade inmensa de diñeiro que doou a Cáritas, van facer moito ben entre as xentes máis necesitadas. Porque aquí, si importa o tamaño. A conta élles ben fácil. Se cun euro podes satisfacer unha necesidade básica puntual ?digamos un par de cartóns de leite- con vinte millóns, pois vinte millóns de necesidades.


En fin, que debemos ser agradecidos ?por iso da boa nacencia- cos xenerosos... E se cadra aínda máis se son ricos. Pois se non os animamos a eles non sei onde imos topar cartos. Que cunda o exemplo. Graciñas e que che medre, don Amancio. De Zara falamos, claro.

Te puede interesar