Opinión

Herdar títulos?

Vaia parvada que se poida herdar un título! De conde, de rei... ou de propiedade dunhas fincas na aldea ou dun pisiño no Couto, non é? A santo de que por ser fillo dun home ou dunha muller calquera vai ter o cargo ou os bens materiais que tiña o difunto. Así pois, o ideal, pasar o rebolo. O Estado, amo de todo. Todos iguais ao nacer e logo xa se repartiría a cada un o que precise. Que bonito. Pero como sabem, certas ideas crean máis problemas dos que resolven. A tendencia natural foi a de que os que estaban no machiño mirasen polos seus. Facer “dachas” en Crimea e tratar de pasarlle o poder á familia; digamos Cuba, Corea do Norte, Estados Unidos ou Deputación de Ourense. Sexa ao ditado, irmáns Castro, sexa ao elixido, digamos Bush ou Baltar. Parece raro raro, pero é así. De aí que o máis sensato é asumir a marcha da historia, rectificar o rectificable en cada momento, descorromper o descorrompible e deixar de intentar cambios que partan da idea idealista de que a través da acción política se poden resolver todos os problemas.

Os movementos máis modestos, reformistas, lograron que dunha Inglaterra colonial onde os nenos morrían de fame nas rúas –tipo Oliver Twist- se pasase á potencia que atraeu millóns de habitantes doutras zonas do planeta. Estas transformacións producíronse, sen dúbida, pola acción e influencia dos sindicatos ingleses e do Partido Laborista e pola flexibilidade das clases dirixentes, digamos Partido Conservador, lores e monarquía. E porque souberon adaptarse todos: uns e outros rexeitaron o enfrontamento “sanguíneo” e puxeron o país e a estabilidade por riba de todo. Por iso viviu tan cómodo alí don Carlos Marx entre1849 e 1883, escribindo no British Museum e logo tomando unhas pintas no pub da esquina, despois de ter sido expulsado de varios paises de Europa, por certo, repúblicas e monarquías.

En fin, o mundo dos radicais en Europa deixa un regueiro vermello fácil de seguir. Falo dos intentos de substituír as democracias burguesas. Digamos a Alemaña de Hitler, a Italia de Musolini, ou o Leste de Stalin. E deixou complicidades vergoñentas (o PC francés opoñéndose á guerra contra Hitler, o reparto de Polonia, etc.). Pola contra, hai un mundo da evolución pousada, chámase Suecia, Finlandia, Noruega, Dinamarca, Holanda, Inglaterra, Bélxica... onde as monarquías foron cos tempos. E lóxico que o mundo onde menos enfrontamentos civís houbo sexa o mundo de máis benestar. Os outros países grandes, Francia, Alemaña, Italia... sufriron dolorosísimas fracturas ao longo da idade contemporánea. E onde contamos a España? Nas monarquías ou nas repúblicas? Pois nós temos un país de tradición monárquica vella –cando se espallou España polo mundo, por exemplo-. Pero tivo tres parénteses. Dúas repúblicas e unha ditadura; para esquecer. A I República en 14 meses (1873-1874) tivo cinco presidentes, foi federal e, despois dun golpe de estado, centralista. E tivo unha guerra carlista, a primeira de Cuba e a sublevación cantonal. E a II República durou cinco anos (de abril do 31 a xullo do 36). Unitaria con sublevacións contra ela por un lado –Asturias, Cataluña, etc.- e polo outro –Sanjurjo, etc.- seguida dunha crudelísima Guerra Civil de tres anos que trouxo unha ominosa ditadura de corenta. Vaia coas interrupcións. En fin. Desde a segunda restauración borbónica do abdicante Juanca, democracia e liberdade. E aínda hai quen quere cambiar de “réxime”! Que república? Con que líderes? Cos de Gamonal e dos escraches? Cos actuais? Calma. Cárcere aos corruptos (políticos, sindicais, económicos...) e reformas a esgalla, que ben cómpren.

Te puede interesar