Opinión

Impedimenta urbana

O éxito que tiveron as reproducións das fotos antigas de Ourense que distribuíra La Región fai que as poidamos ver en moitos bares. Si. Atráennos as imaxes antigas. Non se sabe ben o porqué desa saudade de algo que moitas veces nin sequera chegamos a coñecer. Pero eu teño unha impresión: o atractivo procede da simplicidade, dese minimalismo de “menos é máis”. As fotos son imaxes limpas que transmiten calma. Só vemos estruturas, edificios e rúas. E pouca xente e menos vehículos. E nada máis.

O outro día, mentres esperaba por “un completo” no Rei do Xamón, mirei unha foto do parque de San Lázaro, na zona da actual Subdelegación do Goberno. Era do cincuenta e tantos exactos, ano arriba, ano abaixo. A ollada, horas centrais de día soleado, é diáfana. Nada que incordie. Por ese mesmo espazo pasei pouco despois e contei ata 52 impedimentas. Precisas algunhas, seguramente. Pero as máis, non. Falo de obxectos tropezables: papeleiras de varios tipos, semáforos, cámaras de vixilancia urbana, bancos de sentarse, esculturas de coches, castañeiras, marquesinas para esperar autobuses, paneis de publicidade privada, soportes de indicadores públicos, armariños e buzóns de correos, caixas de maquinaria de semáforos, cinceiros, cabiniñas de teléfonos, farolas de varios tipos, estruturas de pantallas desaparecidas de información municipal, indicadores verticais e restos doutros, varandas, paneis de termómetro e hora, pantallas de información de chegada de autobuses, megatestos con árbores, paelleiras de flores... En fin, que a cidade está chea, acugulada dese chamado “mobiliario” urbano, verdadeira tortura de invidentes e, agora, de mozos de ollada absorbida pola pantalla do móbil que, ciclicamente afuciñan con algo que non viron.

Vale. Se cadra, moitos son imprescindibles. Pero había que permitir os menos posibles. Que a maioría, paréceme a min, foron postos apadriñados por Vendex, Comprex ou algunha outra empresa de rima e arrime fácil. Naquel tempo de vacas fermosotas confundiuse gobernar con encher a cidade de pirindolos, perillotes, cachirulos e chintófanos. Menos mal que se aforraba en cemento para as lousas do chan.

Incordiar, incordian moitas máis cousas. Pensemos nas mesiñas de fumadores que poñen algúns bares onde antes só había acera. Ou nos letreiros triangulares de ofertas de calquera tipo de produto por fronte dos locais. Ou nos alcorques sen árbores –na miña rúa, cinco- convertidos en charcos para distraídos. Ou nos “estadullos” para que non aparquen os coches subindo onda os peóns.

En fin, que o premio “Impedimenta Auriense” na súa categoría de Ourense Centro correspóndelle hoxe ao andamio do edificio do antigo Hotel Parque, túnel incluído. Seica o van declarar BIC, ben a protexer, pola antigüidade, que non pola arte. E iso que lle saiu un competidor en Curros Enríquez, despois da esquina da Habana; xusto onde se estreita o paso por causa do parterre na baixada ao aparcamento. Baixará un á calzada para pasar, pero dá gusto ver como se reactiva a construción. Iso que a obra parece parada. En fin.

Te puede interesar