Opinión

O Informe Pizza

Se tivese que facer un “Informe Pizza” non teño dúbida de que a Romántica, onda a Ponte Nova, figuraría no posto máis elevado. En segundo, en dura pugna, estaría “Los Inmortales” na rúa Lavalle de Buenos Aires. En pésimo lugar quedarían as pizzas italianas para turistas, esas gomosas de libra e media de pan por ourego cadrado cunha redución de tomate e queixo ao mínimo imposible. Estaría mellor a dun lugar finolis calquera, deses propios dunha noite de primavera “calda”, nunha ruela ignota ao redor da Praza da Igrexa de Santa María do Trastévere, a das columnas grandísimas. Pero para comezar o informe, cumpría dilucidar se a orixe da pizza está ou non na suposta asociación dun panadeiro galego, de Ramirás, Demetrio López, cun italiano, Givanni Pizzoleto, en Newark, en 1903. Disque que como non daban introducido as empanadas -o público quería ver o que había dentro- propuxo o italiano sacar a tampa e reducir ingredientes. O de Ramirás nin quixo falar do tema e racharon a empresa. Soa falso como billetes de 220 euros. Vai ti ver.

Do outro informe, ese que ten que ver co ensino, de nome semellante -de Pizza a Pisa non vai tanto- non me fío. Certo que hai que facer números para obxetivizar a realidade, pero se un abre os ollos, limpa as orellas e a mente, e non é especialemente obtuso, obten unha infomación igualmente válida. Que aos rapaces xa se lles dá todo feito e maduran mal é unha evidencia compatible con que teñan máis coñecementos de divisións nas que nós nin xogamos.

Pero, son máis parvos que os doutros países? Pódese poñer como proba iso dos billetes do metro e ou do aire condicionado? Creo que non. Imos de vagar. Debemos desconfiar de todas as megaenquisas paneuropeas; as distintas actitudes vitais e niveis de control, xogan en contra. Sempre lembrarei unha sobre coñecemento de linguas no que case non había suecos que declarasen falar ben o inglés e, pola contra, os gregos, case todos. Claro. Depende do que un considere ben. Do que un se esixa a si mesmo. E con estas enquisas cuestionables tendemos a xulgarnos con dureza excesiva. A rapazallada paneuropea é toda a mesma. A nosa, un pouco máis de risa, botellón e de meterse debaixo da saia de mamá, se hai problemas. Si. Pero é que a nosa sociedade é así. Se non chega ser a familia, o problema do paro e da falta de traballo ía ser ben outro. Pero foisenos a man na protección. O máis simpático son as mantras dalgúns despois dos datos e que eu aceptaría encantado (reducir o número de alumnos, subir salarios...) aínda sabendo que isto non ten nada que ver cos resultados. Pensa alguén que as clases en Singapur, en China ou Corea teñen 12 alumnos por aula? Pensan alguén que cobran os profes 3.000 euros? Élles outro o tema.

O problema do ensino en España é que non hai ningún problema especial no ensino. O que hai, si, é un grandísimo problema na sociedade de traspaso de responsabilidades, de busca da culpa sempre no outro, de botar balóns fóra, de falla de espellos para conciencias... Desde logo o papel dos profes como educadores de usos e costumes é absolutamente inferior ao familiar, e este, moito me temo, tamén inferior á presión social do ambiente. Cando Ovidio dixo “inopem me copia fecit” (fíxome pobre a abundancia), se cadra pensaba nestes anos pasados nosos que trouxeron estes tempos presentes. A solución xa a tiñan Les Luthiers hai anos: menos samba e máis traballo.

Te puede interesar