Opinión

O kurdo do Celta

Saben os meus lectores, se algún hai, que a min o tema do fútbol, digámolo suavemente, non me motiva. Incluso o outro día non vin ese partido no que os ben pagados xogadores da Roxa perderon de forma escandalosa fronte á furia laranxa. (Vexan que algo, pouco, sei. E só porque son permeable ao medio, non por dedicación ningunha.) Pero tamén ten as súas ventaxes iso da futbolmanía no curzamento coa globalización planetaria. Unha delas é a facilidade de socialización entre os mozos, e non tan mozos, de todo o mundo. Sempre hai algo de que falar.

No ano 1992 coincidín un par de meses nun hotel de Buenos Aires cun grupo de operarios italianos que ían montar unha fábrica de calquera cousa que non vén ao caso naquelas terras. Pois en menos dunha semana, aqueles mozos xa “empataran” cos camareiros do hotel e ían botar os seus partidos ao acabar de traballar e trabaran a circunstancial amizade dos desprazados forzosos. Sabían os italianos nomes e alineacións do Boca e do River, e sabían os arxentinos tamén bastantes cousas da Juventus, da Roma e do Milan. E un día preguntáronme que de que equipo era eu... E, como un parvo, díxenlle que de ningún. Miráronme raro. Uns e outros. Como se fose un marciano. Era como declararse ateo nunha reunión de fieis no Vaticano. Un dos italianos sorriu e tocou o lúbulo da orella nun símbolo xestual que nas súas terras fai referencias a determinada opción sexual e que pensaba que eu non entendía. A verdade é que non puiden menos que rir e deixar correr o equívoco. Eu, certamente, xa tiña outro círculo de relacións alá e non precisaba moito daquelas compañía, que por outra parte me parecían sanotas e positivas.

E lembrábame destas asociacións aquí, neste Estambul que visito, o que son as cousas da vida, por terceira vez en ano e medio, porque á mínima, coa gracia e simpatía propias destas amabilísimas xentes que son os turcos, abren os cinco dedos da man e sorrín co do cinco famoso. Outras veces, cóntanche o chiste de que en España houbo un terremoto, pero non houbo mortos porque foi suave, de 5,1 puntos. E como todo, fano sen fel, só para entablar conversa e trato. Ademais, a maioría “ían” por España por iso de sermos todos do Mediterráneo. Os nosos alumnos, pola súa banda, polo menos algúns, saben tamén os rudimentos do Galatasaray, Fenerbache e Besitkas, como os futboleiros turcos –relixión do país, máis que o islamismo- saben dos equipos españois máis destacados. En fin que se queixan tamén de que con isto do mundial do Brasil, unha boa parte do turismo de ricos anda naquelas terras, pois a combinación de fútbol e praia non deixa de ser dificilmente combatible. Eu creo que esaxeran, porque estranxeiros hai a esgalla. Pero eles saberán.

O que xa non era tan branco, tan de establecer relación de conversa, senón máis fondo e complicado, é o que me contou un kurdo que me recoñecía ser do Celta e levaba un chaveiro co seu escudo e todo. Cando lle preguntei a razón do seu exótico celtismo anatólico, díxome algo transparente: “E que os turcos son do Depor”.

Te puede interesar