Opinión

O libro "A Ponte maior", de Juan Carlos Rivas

Nos comezos da novela Arredor de si de Otero Pedrayo hai un fragmento delicioso no que fala da biblioteca do Ateneo de Madrid e da cobiza que lle causan ao protagonista, Adrián, os libros novos. Fai alí unha curiosa taxonomía dos que estaban na vitrina “espertando tentaciós como o escaparate de Lardy: O libro bistek, o libro bombón, o libro sopa de rabo de boi, densa e fonda, o libro froita do tempo, o libro mostaza...”.

Creo que o libro de Juan Carlos Rivas, “A Ponte Maior”, podería ser unha síntese dos tres primeiros, bistek, bombón e sopa de rabo de boi. Si. Só unha vez cada tantos anos se publica nunha cidade un libro fundamental, isto é raíz e base sobre a que se fundamentarán obras posteriores e, xa en si, un froito non dun momento, senón dunha historia persoal dedicada á investigación e reflexión.

Miguel Ángel González García, historiador e cóengo arquiveiro da Catedral e da diócese, fixo o outro día no Liceo na presentación do libro unha laudatio da persoa e obra verdadeiramente excelente, como ás que nos ten afeitos; e lembro, de paso, a de Marcos Martinón, hai poucos meses. Si. É sempre un pracer escoitalo. Dicía Miguel Ángel que este libro era tamén dalgún xeito unha homenaxe á dedicación de Juan Carlos Rivas a unha vida ao servizo da investigación directa sobre Ourense. As exemplares achegas á epigrafía romana, á arte prerrománica, á orixe da diocese auriense, etc. teñen agora este cume importantísimo, esta obra canónica, compendio de coñecementos previos, investigación esforzada sobre fontes directas e conclusións persoais sobre a Ponte Maior; obra romano-medieval que levamos no escudo da cidade e non sei se nas espirais de ADN todos os ourensáns. Non é preciso compartir todas as valoracións dos datos e a interpretación de cada un deles -a maior ou menor romanidade dos restos, fundamentalmente- para decatarnos de que é unha opera magna que será o espello e o canon que todos deberemos considerar, respectuosos e admirados, cando falemos e discutamos da ponte.

A edición, por outra banda, está impecablemente coidada e intelixentemente construída. Felicidades por elo tamén ao Negociado de Publicacións da Deputación, á produción da editora Armonia Universal, e ao deseño gráfico e maquetación de Blau, de Miguel Anxo Carvalho, un dos mellores deseñadores de libros de España, sen dúbida.

Dicía que o obra está moi intelixentemente construída. O libro é grande e de peso. Tamén físico. Mide 31 x 24 cm., pesa uns 4 quilos, pastas obviamente duras, 529 páxinas máis un CD cun anexo documental e literario de 156 páxinas e fotografías. Pero é moi fácil de ler, porque como o Quixote, está construído en base a tramos curtos ben ensamblados, como os sillares das pedras da ponte facendo dez capítulos-arco -ou once- de incluírmos o prólogo, nada retórico nin vacuo senón xa cheo de fariña e miolo, do enxeñeiro amigo Segundo Alvarado, outro dos bos coñecedores da obra. Os dez capítulos inclúen uns xerais de contextualización ou síntese (El río Miño a su paso por la ciudad de Ourense, El entorno, El puente en la actualidad etc.) e outros cronolóxicos (El primitivo puente romano, El puente en la Edad Media, etc.). Cada un destes capítulos vai articulado en torno a tramos temáticos de extensión variable con material gráfico en abundancia. O CD inclúe a transcrición da documentación, sobre todo medieval pero tamén moderna -algo sobre todo propio para especialistas- o que abarataría a edición e faríaa manexable. O libro, unha xoia, un monumento en si. Felicidades Xoán Carlos. Felicidades Ourense.

Te puede interesar