Opinión

Sobre o museo arqueolóxico

Se cadra debería titular este artigo “Sobra o Museo Arqueolóxico” e así sería máis de acorde cos fados negros que pairán desde hai décadas sobre unha das institucións máis veteranas e produtivas do tecido cultural galego. E non. Non sobra. Cómpre. Os museos son investimentos rendibles e non gastos, son os referentes máximos da dinamización cultural e turística en todas as cidades. E máxime podería ser nesta na que nos gabamos da nosa orixe romano-termal e que somos o centro dunha provincia con lugares como San Cibrán de Lás, Castro Mao, Aquis Querquernis, etc. e unha rede de mosterios medievais, castelos e igrexas románicas pode ser o catalizador do turismo cultural en alza. Pero xa me dirán vostedes se, despois de ensaiar todas as posibilidades políticas (gobernos iguais e distintos en España, Galicia e Ourense, dun, doutro e de signos combinados), a súa parálise non parece cousa de meigas.

Como sabe o culto lector, o tema dos museos ten obriga de ser creativo e algo máxico, porque as musas non son funcionarias e porque hai moitas pezas dedicadas a moitos deuses e heroes que, como no Olimpo grego, pelexan entre eles e crean mundos parelelos e cruzados. Vexan por exemplo, as titularidades dos museos arqueolóxicos das capitais galegas: o de Coruña, o do Castelo de San Antón, municipal; o de Lugo e Pontevedra –o mellor, e máis mimado, sen dúbida- de candansúa Deputación; e o de Ourense, de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta. E por que esta diversidade? Porque a historia non é un feito lineal recto, senón unha sucesión de curvas e liñas quebradas. E das vellas Comisións de Monumentos que se crearon por toda España para atender os ben desamortizados a mediados do XIX, unhas desapareceron e outras se reconvertiron achegándose a varias institucións.

E vexo xusta a indignación que percorre os ambientes culturais ourensáns pola falla de dotación no proxecto de presupostos 2016, porque por primeira vez en anos se albiscaba un futuro con datas contadas e contables, co magnífico proxecto aprobado para a construción da parte arqueolóxica do museo. Ollo, quedaría pendente a de Belas Artes, que debería, na miña idea, e de imperar o sentido común, dar lugar, en dez ou quince anos, a unha Sección con personalidade propia en San Francisco, ao redor do claustro, para así integrar como en tantos sitios, monumento e coleccións. En fin, iso sería un segundo paso. Pero o cabreo do alcalde co goberno amigo de Madrid pode ser moi positivo se consegue reunir o impulso preciso para que Raxoi mova ficha e enmende o feito polo ministro de Cultura. Certamente Ourense creo que é a única capital de provincial de España sen ningún museo activo, aberto e mimado. Nas vacas gordas dos noventa vimos os novos de Oviedo, León, Zamora o de Belas Artes de Coruña, Marco de Vigo, etc., etc.

E nós, aquí, co noso Arqueolóxico a medio gas. Traballando moito desde dentro –lembremos as exposicións do centenario do Padre Feijoo, da compra, restauración e exposición da obra de Parada Justel, as actividades das pezas do mes, os Boletíns Auriense, a presenza virtual na rede...- pero condicionado polas inexistencia dunha sede aberta ao público. E, igual que nas festas é fundamental que faga bo tempo, nos museos é moi importante a localización. E reabrir o Museo Arqueolóxico, na Praza Maior, ao pé do Concello, é un vello manxar noso que, de momento, nos afastan despois de facérnolo cheirar co proxecto arquitectónico. Era todo conto? Este é o momento de que se mollen e rectifiquen. En Madrid.

Te puede interesar