Opinión

Ocultación da selectividade

Xa hai moitos anos que é así pero non me acaba de gustar. Antes saían as notas da selectividade por centros, agora por tribunais. É o mesmo? Non. Co sistema en vixencia ocúltase ao público unha información que é de interese público: os resultados que obteñen os alumnos -e tanxencialmente os profesores- de cada centro. 

Certamente que hai moitas variables no éxito nas ABAU dos alumnos. Unhas teñen que ver coas notas que lles puxeron no Bacharelato que contan o seu. E se antes había centros que llas inflaban, agora, xogando ao arrimado, sóbenas todos, por iso hai esa cantidade de sobresalientes que nos asustaban estes días aí atrás na prensa, pois se “sobresaen” máis do vinte por cento, fálase do grupo de xente que vai mellor, sen dúbida, pero a nota non deixa de estar desvalorizada.  Como é pouco probable que en tres anos os rapaces multiplicasen o seu nivel intelectual, esforzo e aprendizaxe, para pasaren do 7 ao 21 por cento de sobresalientes no Bacharelato, a causa do “éxito” debe estar do outro lado. Ou sexa, na idea dos profesores de “turrar” polos seus alumnos, e exerceren a xenerosidade -alumnos e pais, contentos- para que non estean en inferioridade de condicións cos dos outros centros que tamén llas soben. Esta lóxica curta vai en favor da satisfacción da maioría pero non do prestixio do sistema nin da mellor formación. Permítanme unha anécdota. Cando eu facía 4º de Historia en Compostela o sabio don Carlos Alonso del Real, como era o seu último ano, puxo todas as matrículas de honra que lle permitía a lei. Explicou que nos daba catro aos que ao seu xuízo máis a mereciamos, e sorteba outras seis entre o resto. Eu alegreime polos afortunados, pero houbo outros -profesores e alumnos matriculosos- aos que lle pareceu moi mal.

O segundo factor é o número de presentados ás ABAU sobre o total de estudantes dos centros. Se neles se peneira fino e de 100 deixan presentar a 50, as probabilidades de que obteñan bos resultados son altas. 

Despois está, obviamente, o factor esencial de profesorado e alumnado. Nin os alumnos nin os profesores teñen todos o mesmo nivel de compromiso e destreza no que fan. Hai anos mellores e outros menos bos.

Así pois, unhas notas de selectividade por centro, na que se sinalase, tamén, o número de alumnos matriculados en segundo de Bacharelato e o número de presentados, sería o ideal para que a comunidade tivese unha idea certa de como vai cada centro. Para felicitar aos que fan as cousas ben e para animar aos outros a que as fagan. Porque lles hai poucos traballos con tan pouca motivación por recoñecemento como o ensino. En xeral, mal que ben, existen as carreiras profesionais e nubes de complementos no mundo privado e público. Non ensino faga un as cousas ben ou mal, cobra igual. É máis, se se implica un de máis, enseguida o empuxan á responsabilidade de cargo directivo. E claro, os horarios de traballo desaparecen ante a disposición permanente, como se foses un directivo de calquera empresa. Só que os complementos de xefes de estudos, secretarios, vicedirectores, son tan provisionais como irrisorios; só os de dirección, sen compensar, son algo mellores. O único para todos os docentes, a satisfacción íntima de cumprir cun compromiso ético, que está ben, pero non abonda.  Por iso é boa a transparencia nos resultados, como recoñecemento ao éxito no esforzo colectivo dos centros. A igualación por ocultación é desmotivadora. 

Te puede interesar