Opinión

Pailáns eurovisivos

Amo as linguas. Especialmente as máis próximas. E por iso me gustaría velas con saúde, fartu- rentas, xenerosas, de bo ano e con boas migas entre elas. En primeiro lugar, por suposto, o círculo que me é máis achega- do: o galego, o castelán e o portugués. O galego desacóugame porque está sufrindo unha desafección galopante. Aínda que haxa TVG, profesores, etc. a cadea da fala está fracturada. Os nenos do Xabarín Club non aprenden dos vellos –os únicos que falan ben- porque non falan con eles. Claro, non teñen whatsapp e representan o onte cando eles só queren o mañá. E de usares aínda formas ou palabras enxebres, cada vez se che pon máis cara de indio na reserva. Non demos adaptado a fala aos novos usos xuvenís e modernos e non damos creado a atracción precisa que á súa vez o uso novo faga nacer xiros e palabras. Ás apelacións a sentimentos identitarios son estériles, unha pesadez e incluso poida que contraproducentes. Do portugués, preocúpame a pouca atención que lle prestamos. Con tan pouco traballo poderiamos abrir unha porta tan grande! Que pouca visión temos! Todo son traparratrás de declaracións políticas benintencionadas pero o nulo interese social é evidente. Que non se poida estudar portugués en ningunha academia en Ourense, por exemplo, fala de que a ninguén lle interesa.

Pero o castelán tamén me preocupa. Non creo que estea ben xestionado o inmenso capital, a inmensa riqueza da súa proxección universal. Hai que mover ficha en contextos planetarios e deixar os pa- tios traseiros de España en paz. O castelán non se pode resignar a ser só a lingua internacional dos vinte e tantos estados

que a teñen por tal senón debe plantar cara ao inglés e ser a alternativa doutras linguas da latinidade que “xoguen ao arrimado” ao redor da maior. Explícome. Un holandés, un sueco, un noruegués, un danés en xeral todos os xermánicos, incluso os alemáns, iso si, estes renxendo os dentes- “saben” que a súa lingua internacional é o inglés. Así debemos conseguir os falantes primarios ou secundarios de castelán, que os pobos de fala latina (Italia, Romanía en primeiro lugar, pero tamén outros) consideren o castelán como a súa lingua franca internacional. Incluso, os gregos –de fonética tan próxima á nosa- e outros pobos poderían achegarse a este como lingua internacional trans- continental non connotada de poderío e agresión como o inglés e si con outras connotacións planetarias positivas. En fin, que cantar en Eurovisión en inglés creo que é unha pailanada inmensa; fai- nos máis pequenos e dependentes. O que deberían promocionar os responsables do tema –non sei se os xestores da televisión pública, ou quen sexa- é que roma- neses e italianos cantasen en castelán. As linguas de territorios pequenos –tipo eses estados pero tamén catalán, galego, etc- deben buscar aliados noutras linguas próximas para escenarios internacionais. Nós, galaicos, temos a sorte de contar con dúas vías posibles de acceso a ese mundo perfectamente compatibles e complementarias: castelán e portugués. E neste momento, que o estado que me dá o DNI renuncie servilmente a súa lingua máis extensa e internacional en favor do inglés, prodúceme vergoña. Igual senti- ría se tal fixese Portugal. En fin, que me debería ser indiferente porque hai anos que non vexo o Festival. Pero non.

Te puede interesar