Opinión

Politicos, funcionarios e soldos no Concello

Téñenme que perdoar pero cada día son máis partidario da centralización de moitas decisións políticas. Non sei ben como explicalo ben pero vouno tratar de facer. O caso é que non acabo de entender como se os profesores todos do ensino público de Galicia que teñen determinado nivel de titulación e determinada antigüidade en determinado corpo e idéntica situación administrativa, cobran todos radicalmente o mesmo, non acontece outro tanto cos políticos tamén, cos funcionarios. Explícome. Todo este ruxe-ruxe feo dos soldos do alcalde, dos concelleiros da oposición, das asignacións aos grupos, creo, debería estar regulado de forma máis estrita. Un grande avance foi, sen dúbida, a “Lei de racionalización e sostenibilidade da Administración Local” de decembro de 2013 que fixa topes. Así, por exemplo, o alcalde de Ourense podería cobrar ata 75.000 euros ao ano, e podería haber 18 dedicacións exclusivas, e 18 postos eventuais de confianza co concello.

Pero ao fixar só máximos, enfrontámonos a inevitables diferenzas. E creo que era mellor organizar isto era en base a unha variable obxectivable como o número de habitantes e punto, sen bandas de fluctuación. Así, para os cidadáns do común, os que non decidimos sobre o noso soldo -nin subir nin baixar-, non nos resultarían tan chamativas estas negociacións e acordos en todos os concellos. E, claro, non vou entrar aquí no que deben ou non deben cobrar, pero, efectivamente, creo que os responsables dunha empresa cívica que move digamos mil traballadores, e cun orzamento de moitos millóns de euros, debe ter soldos en correspondencia coa súas responsabilidades; entre outras cousas para manter a súa independencia de criterio fronte ás presións dos poderes económicos.

Parece ridículo, por exemplo, que a alcaldesa de Barcelona, decida cobrar 2.200 euros ao mes, por liderar a xestión dun concello con 11.000 funcionarios e máis de 2.500 millóns de euros de orzamento. Así, desde logo, é complicado atraer ao servizo público a bos xestores contrastados profesionalmente noutras áreas. E isto que digo, de fixación por lei sen flutuacións, reza tanto para os membros dos equipos de goberno como da oposición e mesmo da forma de organización política do concello. Vexan que non falo de cantidades senón de claridades. Entrementres, se cadra hai que facelo así, pero resulta pouco estético que o primeiro que oiamos dos novos concellos sexa canto cobramos e como nos repartimos os postos para funcionar, nós e vós e eles. Pero mentres non veña marcado “de serie” será inevitable.

E algo de semellante de fixación estrita, por suposto, de dereitos, deberes e salarios, para os funcionarios. Entendo que deberían ser intercambiables entre todos os postos do mesmo nivel. Un administrativo, por exemplo, do concello, da deputación, da Xunta, do Goberno central, debería ingresar exactamente o mesmo e cos mesmos dereitos e deberes e poder solicitar, tamén, destino en calquera organismo no que houbese vacantes. Funcionarios non de reinos de taifas senón todos dunha administración pública, unha e múltiple. Fácil non é. Varias administracións son varias casuísticas e moito lío. Pero razoable, parecer parece. A min, polo menos.

Te puede interesar